O número de emigrantes galegos diminúe en 2.349, mentres se incrementou o número de descendentes nados no exterior ata sumar un total de 523.856

O aumento de cidadáns galegos residentes no estranxeiro ten a sua base na descendencia dos galegos nados xa no seu país de destino

O descenso dos nados en Galicia que viven fora das nosas fronteiras continúa a tendencia que ven experimentando desde fai varios anos
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

O número de emigrantes galegos volve baixar un ano máis, continuando a tendencia dos últimos exercicios, mentres a poboación galega que reside no exterior segue a incrementarse, ata alcanzar os 523.856 a 1 de xaneiro de 2021, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes das cidadás galegos que viven no estranxeiro e que xa foron nados no seu país de destino. Así, mentres que hoxe residen 184 galegos máis ca o ano pasado fóra das nosas fronteiras, o número de emigrantes nacidas e nacidos na comunidade que viven no exterior é de 2.349 menos, e sitúase actualmente en 147.868 persoas.

O país que rexistra un maior incremento da poboación galega é Arxentina, o que conta cunha maior presenza histórica galega, con 508 residentes máis para sumar 181.416; mentres Venezuela pon o contrapunto a esta tendencia cunha diminución de 968 cidadáns galegos, pasando dos 33.278 que rexistraba o 1 de xaneiro de 2020 aos 32.310 deste ano. O continente americano perde, deste xeito, 371 galegos, sumando un total de 406.651, mentres o europeo aumenta a súa poboación de orixe galega noutros 568 ata os 112.693.
Estas novas cifras alteran lixeiramente o mapa da poboación galega no exterior, que segue a liderar Arxentina, seguida do Brasil con 49.593 e Cuba con 44.283. Suiza superou en 2020 na cifra de galegos, 41.169, a O Uruguai con 40.541. Venezuela continúa perdendo galegos pero mantense no sexto lugar, con 32.310, por diante de Estados Unidos de América con 23.175, Francia con 19.340, Alemaña con 17.600 galegos e O Reino Unido con 15.496.

Nova realidade migratoria

Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar, non só a comunidade, senón toda España. Estas cifras reflicten, ademais, unha consolidación da tendencia migratoria iniciada nos últimos anos, que pon de manifesto o labor fundamental que está a levar a cabo o Goberno galego a través da Estratexia Galicia Retorna.
 

Imaxes relacionadas