A Xunta destinou 100.000 euros para colaborar co concello de Valga en melloras no edificio de usos administrativos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, as actuacións levadas a cabo neste inmoble ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental

Os traballos inclúen a mellora da eficiencia enerxética dos novos espazos habilitados para cumprir coas medidas de prevención ante a covid-19 e á instalación da climatización na biblioteca e os arquivos municipais
 

Valga (Pontevedra), 18 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, as melloras levadas a cabo no edificio de usos administrativos o ano pasado, cun investimento de 100.000 euros.

A Xunta destinou 100.000 euros o ano pasado en actuacións no edificio de usos administrativos, dando así continuidade a outras aportacións realizadas en anos anteriores tanto para a súa construción como na instalación do ascensor.

Por unha banda, para colaborar na mellora da eficiencia enerxética neste inmoble coa instalación de sistemas de regulación e control da iluminación con lámpadas e luminarias LED e equipos auxiliares. Deste xeito, adecuarase a iluminación do edificio á nova distribución dos espazos para cumprir coas medidas de prevención ante a covid-19 como a distancia mínima de seguridade. Con esta colaboración, a Xunta contribúe ao bo funcionamento das instalacións en condicións de seguridade para os traballadores e cidadáns, o que redunda nun servizo de maior calidade aos usuarios.

Ademais, o Goberno galego tamén apoiou a instalación dun novo sistema de climatización en todo o inmoble co obxectivo de aumentar a súa eficiencia térmica mediante unha bomba de calor aire-auga e fancoils de baixo consumo en toda a superficie dedicada á biblioteca na planta baixa e ao arquivo municipal na baixo cuberta. A nova climatización permitirá rematar o acondicionamento das novas dependencias.

Ambas actuacións alíñanse cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental e contribuirán a mellorar as infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais a través de proxectos de mellora de eficiencia enerxética. O Goberno galego investiu en 2020 case 167.000 euros en actuacións no municipio, que se suman aos máis de 886.300 euros dos últimos anos.
 

Imaxes relacionadas