O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa as obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial de Vilamarín e aos núcleos das Quintás e da Ría

A Xunta, a través de Augas de Galicia, investiu neste proxecto de abastecemento de auga un importe de máis de 165.000 euros

Gabriel Alén manifestou “que con esta actuación garántese a subministración de auga en calidade e cantidade axeitada aos núcleos de poboación e ao parque empresarial”

O representante do Goberno galego tamén lembrou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación leva concedidas preto de 300.000 euros de axudas aos parques empresariais do concello de Vilamarín

Ourense, 18 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Vilamarín para supervisar, acompañado do alcalde, Amador Vázquez, e dos representantes empresariais, as obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e aos núcleos das Quintás e da Ría, que a Xunta, a través de Augas de Galicia, adxudicou á empresa Hordescon, S.L. por un importe de máis de 165.000.

Gabriel Alén poido comprobar o bo ritmo dos traballos que emendarán os problemas de auga do parque empresarial depende do depósito de Vilamarín e do de Bouzas, con captacións deficitarias que fan que en época estival o subministro sexa insuficiente; así como do depósito da Pena, que á súa vez se nutre do de Moure, no veciño concello de Coles.

O delegado territorial manifestou “que con esta actuación garántese a subministración de auga en calidade e cantidade axeitada aos núcleos de poboación e ao parque empresarial”; e engadiu, “agardamos que cando a obra estea definitivamente rematada, os veciños de Vilamarín xa non teñan problemas para abastecerse de auga en abundancia e da máxima calidade”.

O representante do Goberno galego tamén lembrou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación leva concedidas preto de 300.000 euros de axudas aos parques empresariais do concello de Vilamarín.

Proxecto técnico


Para mellorar este sistema de abastecemento proxéctouse a execución dunha tubaxe de que conecta co ramal que vén do depósito da Pena e, á súa vez, conecta co ramal que abastece ao parque dende o depósito de Bouzas. Isto permite formar unha rede cerrada en anel que estabilice o caudal e a presión, e que posibilite tamén ter a opción de encher o depósito de Bouzas no caso de deficiencias.

Tamén se está a traballar na construción dunha nova arqueta de cabeceira xunto á existente da que partirán o ramal actual, que discorrerán por camiños ata chegar a un punto de conexión xunto á estrada nacional N-525. Neste punto estase a colocar unha segunda arqueta e as válvulas de comporta necesarias para regular a interconexión das redes.

A intervención nos núcleos de Quintás e da Ría vén derivada do mal estado no que se atopa o colector que conecta o depósito radicado en San Vicente de Readegós, do que se abastecen.

Nestes núcleos, Augas de Galicia está a substituír o colector existente e dos ramais necesarios para abastecer ás vivendas pertencentes a eses núcleos. Tamén se están a instalar válvulas redutoras de presión radicadas dentro de arquetas de formigón armado. Ademais, no interior de pozos de rexistro de formigón instalaranse ventosas nos puntos altos, baleirados nos puntos baixos, así como válvulas de comporta e bocas de rego.

Os traballos no concello de Vilamarín completaranse co acondicionamento das captacións de abastecemento existentes e que na actualidade non dispoñen de ningún sistema que impida o acceso ás mesmas. Para iso realizarase o desbroce e cerramento perimetral con dúas filas de bloque de formigón e malla metálica e para o acceso colocaranse portas.

Imaxes relacionadas