Gonzalo Trenor supervisa as obras de mellora de firme na AC-400 ao seu paso por Mazaricos e Santa Comba

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste máis de 47.000 euros nesta actuación para a mellora da seguridade viaria na zona

Mazaricos (A Coruña), 18 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá as obras de mellora de firme na AC-400, na que se están levando a cabo reparacións puntuais nos tramos máis deteriorados nos concellos de Mazaricos e Santa Comba. Concretamente, as reparacións estanse a realizar desde o PQ 62+000 ao PQ 72+000.

Esta obra iniciouse a principios do mes de marzo e está previsto que remate a principios do mes de abril e conta cun orzamento de máis de 47.000 euros. Trenor apuntou que “a conservación das vías de titularidade autonómica e a mellora da seguridade viaria son dous eixes estratéxicos da política de estradas que está a desenvolver o Goberno galego, xa que iso significa falar da vida e da integridade das persoas e non hai nada que estea por enriba diso”.

Hai que recordar que Galicia conta cunha das redes viarias máis extensas de toda España e tamén soporta unhas condicións meteorolóxicas que obrigan a un especial coidado das estradas para garantir a seguridade dos usuarios que transitan por elas.

Plan de reforzos de firmes

Trenor destacou que este tipo de actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme que ten como obxectivo prioritario conservar a rede viaria autonómica e incrementar a seguridade viaria, proporcionando aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

O departamento de Infraestruturas da Xunta está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que van máis alá das tarefas ordinarias de conservación, complementándoas tamén con obras de conservación extraordinarias.

Imaxes relacionadas