A Xunta dá comezo á obra de mellora do centro de saúde de Bertamiráns nas que a Xunta inviste máis de 300.000 €

O centro de saúde da servizo a 15.571 pacientes, as obras mellorarán a eficiencia enerxética do edificio e ofrecerá máis comodidade aos usuarios

Gonzalo Trenor lembrou que os orzamentos de 2021, no referido ás partidas económicas do Programa de Atención Primaria a Xunta, contemplan un incremento do 108%, pasando de 26 a 55 millóns de euros
 

Ames (A Coruña), 18 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, visitaron esta mañá o centro de saúde de Bertamiráns ao acto de presentación do inicio de obras de mellora do edificio que consistirán na substitución da cuberta e outras actuacións de mantemento. A Consellería de Sanidade está a investir nesta actuación máis de 307.000 euros para dar servizo a 15.671 pacientes.

As obras consisten en substituír a cuberta e lucernario actuais do centro de saúde co fin de garantir a estanquidade do centro, abordando tamén outras actuacións de mantemento e mellora de pintado interior e exterior do centro, reparación de fachadas, falsos teitos e xanelas, renovación e mellora da iluminación, reparación do pavimento na zona exterior e remodelación da área de recepción e ampliación de acceso, independizando o acceso ao PAC a través da colocación dunha porta corredera e mellora do pavimento. Ademais, realizaranse actuacións nas instalacións para acomodalas á normativa actual, fundamentalmente substituíndo a iluminación por sistemas de maior eficiencia enerxética. “Estas actuacións mellorarán a eficiencia enerxética do edificio e permitirán ofrecer maior comodidade aos usuarios”, incidiu o representante do Goberno autonómico.

Así mesmo, a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza comprometeuse a facer un estudo para unha posible ampliación do centro de saúde.

Gonzalo Trenor lembrou que este tipo de investimentos forman parte do Programa de Atención Primaria da Xunta de Galicia que nos orzamentos de 2021, no referido ás partidas económicas, contemplan un incremento do 108%, pasando de 26 a 55 millóns de euros.

Dentro das achegas destinadas á construción de novos centros na área de Santiago está xa en funcionamento, desde decembro de 2020, o centro de saúde de Milladoiro no que a Xunta investiu case 2,4 millóns de euros máis de 250.000 euros en equipamentos para dar servizo a 14.620 pacientes. Ademais, Trenor lembrou que no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) investiranse en total 50 millóns de euros para a súa ampliación e mellora. No ano 2021 están consignados nos orzamentos máis de 10 millóns de euros para actuacións en novas tecnoloxías, mellora da unidade de Ictus e nas reformas da zona de Farmacia e da UCI.

O delegado da Xunta destacou que a Consellería de Sanidade conta tamén cunha partida xenérica de 1,1 millóns de euros para a redacción de novos proxectos nas vilas que teñen demanda pero que aínda nos achegaron unha proposta viable de terreos para edificar. Ademais, contemplase tamén unha achega de 3.250.000 millóns de euros dirixida a obras de climatización e enfocada a esa mellora da comodidade e da eficiencia enerxética para os centros de saúde que máis o necesiten e outros 20 millóns de euros de fondo COVID dirixida a adaptacións funcionais para mellorar circuítos, ventilación ou para a creación de novas salas se foxe necesario.

O representante do Goberno autonómico lembrou que desde 2009 a Xunta construíu ou reformou un total de 80 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 67.800 m2, unha superficie equivalente á que terá o hospital de Ferrol despois de rematar a súa ampliación.

En total, entre as 80 obras xa rematadas e as 11 que están en marcha, a Xunta xa investiu nestes 12 anos máis de 100 M€ na mellora das infraestruturas de atención primaria en Galicia

Neste senso, Gonzalo Trenor concluíu afirmando que o Goberno galego seguirá comprometido cunha política útil, que xere benestar e crecemento; e cun sistema sanitario áxil, moderno e eficiente, cunhas infraestruturas máis espazosas, cuns equipamentos de última tecnoloxía e con máis melloras na xestión sanitaria.

Sobre este punto, aseverou que “todos estes obxectivos son posibles grazas ao traballo e compromiso dos profesionais do sistema galego de saúde que nestes momentos de maiores dificultades foron o piar básico na loita contra a pandemia”

Imaxes relacionadas