A conselleira de Política Social participou nunha homenaxe organizada polo Concello de Mos a 60 profesionais que traballan neste eido no municipio

Fabiola García destaca o labor esencial das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar durante a pandemia

Explicou que desde a Xunta de Galicia se instou aos concellos a manter en todo momento o servizo e, ademais, se ampliou a atención co SAF extraordinario, gratuíto para os seus beneficiarios

Mos (Pontevedra), 17 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou o labor esencial das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) durante a pandemia provocada pola covid-19. Fíxoo na homenaxe polo Día da Muller que realizou o Concello de Mos a 60 profesionais deste sector que traballan no municipio pontevedrés.

Fabiola García salientou que desde o inicio da emerxencia sanitaria a Xunta de Galicia instou en todo momento aos concellos a manter este servizo ao ser prioritario para moitas persoas. Ademais disto, explicou que se ampliou a atención coa posta en marcha do servizo de axuda no fogar extraordinario, que non tiña ningún custe para os seus beneficiarios.

Neste sentido, o Goberno galego deulle prioridade na vacinación ás profesionais do SAF para que puideran desempeñar as súas tarefas coa maior das seguridades e garantías. Deste xeito, foi o primeiro colectivo profesional, despois do persoal de residencias e dos centros sanitarios, en ser inmunizado fronte ao virus.

Así mesmo, a conselleira de Política Social apelou á continuar coa coordinación e a colaboración entre administracións públicas para manter o Servizo de Axuda no Fogar e seguir mellorando este servizo.

Porta de entrada do sistema de benestar

Por último, Fabiola García puxo en valor tamén o papel das traballadoras sociais, “unhas profesionais que son o piar fundamental do sistema galego de benestar”, indicou; e que supoñen a porta de entrada dos galegos aos servizos sociais. “As traballadoras sociais son as primeiras que se implican cando un veciño ten algunha dificultade, con elas comezan a atoparse as solucións”, subliñou a conselleira.

Imaxes relacionadas