A Xunta achégalles a escena aos máis novos a través do recurso didáctico ‘Das musas ao teatro’

O Centro Dramático Galego pon á disposición dos centros educativos e da sociedade en xeral o traballo elaborado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

O director e dramaturgo Quico Cadaval e o equipo do CDG colaboraron no proxecto coas autoras Sheila García Prado e Ana García Seoane

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

O Centro Dramático Galego (CDG) pon á disposición dos centros educativos e da sociedade en xeral o recurso pedagóxico Das musas ao teatro. O espazo do espectáculo en Galicia, destinado a achegarlles aos máis novos a realidade da escena. Trátase dunha publicación dixital elaborada por Sheila García Prado e Ana García Seoane ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O traballo inclúe un percorrido polos principais espazos teatrais de Galicia -entre eles, o Salón Teatro de Santiago de Compostela, a sede do CDG- e afonda nos elementos que conflúen na posta en escena dunha peza dramática, como as personaxes, a luz ou a escenografía. Ademais, contén actividades creativas para a rapazada e un glosario de termos teatrais.

Este recurso pedagóxico estáselles a enviar aos centros de ensino que participan no programa de visitas en liña Os segredos do Salón Teatro para traballar nas aulas os diferentes aspectos das representacións e dos espazos onde se desenvolven.

Das musas ao teatro está dispoñible tamén no web do CDG e no portal de Lingua Galega para consulta de todas as persoas interesadas en coñecer as características dalgúns dos teatros galegos máis significativos pola súa historia, así como os principais elementos artísticos e técnicos que se utilizan na escena. O traballo contou coa colaboración do director e dramaturgo Quico Cadaval e do equipo do CDG.

Teatros galegos

A publicación comeza cun percorrido por diferentes espazos teatrais de Galicia, como o Teatro da Beneficencia de Ortigueira, o Teatro Principal de Ourense, e o Teatro Principal e o Salón Teatro de Santiago de Compostela. Tamén se inclúen o Teatro Jofre de Ferrol, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o Teatro Rosalía Castro e o Teatro Colón da Coruña, o Teatro Afundación (antigo García Barbón) de Vigo e o Teatro Principal de Pontevedra. Canto ao Salón Teatro, pódese ver unha ilustración do interior na que se identifican as diferentes zonas de oficinas, de camerinos ou o despacho de billetes, entre outras.

A continuación faise un repaso polos principais elementos das representacións, coas personaxes e máscaras; a luz, cunha explicación dos diferentes recursos técnicos utilizados; e a escenografía, tamén coas correspondentes técnicas. Cada unha destas partes recolle actividades creativas para realizar en papel.

Finalmente, pecha o traballo un amplo glosario de terminoloxía teatral integrado por 76 entradas en orde alfabética coas súas respectivas definicións.

A difusión deste recurso pedagóxico enmárcase no obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de potenciar a interacción entre a realidade educativa e a das artes escénicas, ao igual que o programa de visitas en liña para centros de ensino Os segredos do Salón Teatro. A través deste, o director do CDG, Fran Núñez, guía cada mércores o alumnado dos centros participantes polas instalacións cunha explicación dos diferentes oficios que conflúen para facer posible cada representación.