O presidente da Xunta, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu a reunión do Comité Educativo, o máximo órgano asesor do Goberno galego en materia educativa na pandemia

Feijóo avanza que Galicia contará co primeiro Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas

O Plan, que será aprobado no Consello da Xunta de mañá, é unha iniciativa pioneira para implantar un novo modelo arquitectónico ao servizo dos proxectos educativos que reforce os colexios e escolas na etapa poscovid

Recollerá as pautas específicas para avanzar na transformación dixital dos centros e no deseño de espazos abertos, integrados ca contorna, máis saudables, máis accesibles e enerxeticamente sostibles

Apóstase por “un modelo máis útil e confortable por dentro e que, por fóra, contribúa a unha Galicia mellor construída”, asegurou o presidente

O titular do Goberno galego agradeceu persoalmente aos 35 membros do Comité Educativo o labor desenvolvido durante todos estes meses e que se plasma en iniciativas decisivas para garantir a continuidade do proceso de aprendizaxe como o Plan de Ensino Virtual, o Plan de Benestar Emocional ou Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable, entre outros

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

Galicia vai contar nesta lexislatura co primeiro Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica nos centros educativos, co obxectivo de adaptar os espazos escolares −tanto os centros de nova construción como as rehabilitacións, reformas e ampliacións que se acometan− ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de cara á vindeira década.

Este Plan vai ser aprobado no Consello da Xunta de mañá xoves, tal e como avanzou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que hoxe presidiu a reunión do Comité Educativo, na que tamén participou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Ante os membros do Comité Educativo, o titular da Xunta sinalou que esta pandemia puxo de manifesto que “os colexios non son meros edificios” polo que hai que reflexionar e avanzar cara decisións que os convertan en “espazos máis saudables e seguros e ao servizo dos proxectos educativos”. De aí que se “empece a traballar de inmediato” neste Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que “supón un cambio de paradigma” na arquitectura docente “máis útil e confortable por dentro e que, por fóra, contribúa a unha Galicia mellor construída”.

O obxectivo, abondou Feijóo, é “formar ás persoas en espazos educativos máis tecnolóxicos, máis abertos, máis flexibles e que sexan verdadeiros espazos de aprendizaxe e innovación e que axuden a fomentar a creatividade e a adquisición de valores e competencias”. Isto é, un novo modelo de escolas que reforce os colexios e institutos na etapa poscovid.

Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos

Neste senso, o presidente adiantou que o plan pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.

No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.

A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.

Agradecemento ao Comité Educativo

Así mesmo, Feijóo aproveitou a reunión para agradecer persoalmente aos membros do Comité Educativo, o máximo órgano asesor do Goberno galego en materia educativa na pandemia, o traballo desenvolvido durante todos estes meses e no que cualificou como “o curso máis difícil da historia”. Nesta liña, lembrou iniciativas de organización académica, de apoio aos recursos humanos e loxísticos e outras específicas de atención educativa, como o deseño do Plan de Ensino Virtual, o Plan de Benestar Emocional ou o Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable, entre outros.

O Comité Educativo, composto por 35 membros de distintos ámbitos, foi creado a principio de curso para a toma de decisións académicas no contexto covid, desde unha perspectiva multidisciplinar, con rigor científico e desde ópticas educativas complementarias.

Imaxes relacionadas