A Xunta adxudica a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada autonómica OU-212 entre Beariz e o Alto do Couso
O contrato, adxudicado por máis de 18.000 euros, conta con 6 meses de prazo para redactar o proxecto
Deseñaranse as intervencións a acometer nun treito de 6 km, para ensanchar a vía e rectificar as curvas nas zonas onde sexa necesario
O Goberno galego continúa traballando pola mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción de proxecto de acondicionamento da estrada autonómica OU-212, ao seu paso polo concello de Beariz, no treito que vai ata o desvío do núcleo do Alto do Couso.
O contrato foi adxudicado á empresa Diagrama Ingenieria Galicia S.L. por máis de 18.000 euros. O adxudicatario conta con 6 meses de prazo para redactar o proxecto.
Esta actuación ten como obxectivo a execución das obras de ensanche e mellora do tramo da citada estrada, comprendido entre Beariz, no punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Alto do Couso, no quilómetro 12+320.
A redacción do proxecto tamén deberá valorar a rectificación de curvas nas zonas onde sexa necesario.
Este novo traballo contratado polo departamento de Infraestruturas da Xunta seguirá, en liñas xerais, o mesmo criterio de deseño das obras executadas no seu momento entre o desvío do Couso e Avión, no punto quilométrico 20+540.
O Goberno galego continúa traballando pola mellora das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria.