A conselleira do Mar visitou esta mañá o cocedoiro de mexillón do Grupo Proinsa

Rosa Quintana destaca a aposta de Vitalmar polo aproveitamento e valorización da cuncha de mexillón

O cocedoiro do Grupo Proinsa participa no proxecto ‘Mexigal’ que busca elaborar con cuncha de mexillón fertilizantes para a agricultura ecolóxica e é unha das iniciativas da cadea mar-industria que aspiran a captar fondos europeos ‘Next Generation’

Outro proxecto no que participou Vitalmar é ‘Mexical’ e nel desenvolvéronse as máquinas do prototipo de valorización de cuncha de mexillón que coñeceu de primeira man a conselleira do Mar

A titular de Mar salientou que con estas accións o sector contribúe a incrementar a cadea de valor de instalacións como os cocedoiros de marisco e a impulsar a economía circular ao reutilizar derivados do mexillón

Castro de Rei (Lugo), 17 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe a aposta do cocedoiro de mexillón Vitalmar, dependente do Grupo Proinsa, polo aproveitamento e a valorización da cuncha deste molusco. Así o sinalou durante a visita ás súas instalacións onde lembrou que Vitalmar participa e ten participado en proxectos para o aproveitamento dos restos que resultan do procesado de mexillón. Un deles é Mexigal e forma parte das sete primeiras iniciativas da cadea mar-industria que aspiran a captar 550 millóns de euros de fondos europeos Next Generation, explicou.

Mexigal é un proxecto liderado pola empresa Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa) para a valorización da cuncha de mexillón e doutros restos do procesado de marisco e algas co obxectivo de elaborar fertilizantes orgánicos e inorgánicos aplicables á agricultura ecolóxica.

Para iso, expuxo Rosa Quintana, incidirá no tratamento integral do mexillón nun proceso con cero residuos e no aproveitamento dos restos xerados na descarga de mexillón de batea a terra, en conserveiras e depuradoras de marisco para obter fertilizantes ecolóxicos comerciais. Neste proceso, as empresas do mexillón participantes, entre elas Vitalmar, centraranse no tratamento previo dos subprodutos xerados polo procesado de mexillón.

O outro proxecto no que participou Vitalmar e que demostra a súa experiencia neste campo é Mexical, que tiña entre os seus obxectivos o aproveitamento da cuncha de mexillón para a obtención de fertilizantes e pensos para aves nun proceso con cero residuos. Desenvolveuse entre 2018 e 2020 e foi subvencionado pola Axencia Galega de Innovación no marco do Programa Conecta Peme. Na visita de hoxe a conselleira puido comprobar de primeira man o funcionamento das máquinas do prototipo de valorización de cuncha de mexillón resultante desta iniciativa.

Estas dúas iniciativas contan tamén coa participación do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim). Ademais de Vitalmar, en Mexigal participan outras firmas do Grupo Proinsa e empresas do sector. Por outra banda, de Mexical forman parte xunto co codecoiro de Proinsa, Tresima Servizos Ambientais, Indutec Enxeñeiros e Galaytec.

Deste xeito, salientou Rosa Quintana, o sector contribúe con ambos proxectos a incrementar a cadea de valor de instalacións como os cocedoiros de marisco. Ademais, engadiu, con estas accións impúlsase a economía circular ao reutilizar derivados do mexillón, dáselles unha segunda vida e xérase unha oportunidade en beneficio do sector.

En definitiva, subliñou a titular de Mar, trátase de proxectos que exemplifican o modelo cara ao que Galicia busca camiñar, que é o de promover o aproveitamento sustentable dos produtos do mar nos eidos social, económico e medioambiental. Este saber facer concorda co potencial de Galicia no eido da produción de mexillón e das empresas de transformación relacionadas con este sector. Un exemplo do valor desa cadea, especificou Rosa Quintana, represéntao o Grupo Proinsa, dedicado á produción de mexillón en bateas e long-lines e que conta co cocedoiro de Vitalmar en Castro de Rei.

Vitalmar

O cocedoiro de Proinsa iniciou a súa actividade no 2007. Ten capacidade para procesar máis de 100 toneladas de mexillón por día, conta con 4.000 metros cadrados de superficie e destaca pola aplicación da innovación no seu labor de procesado deste molusco. Ademais dispón dun laboratorio propio no que somete a produción a un estrito control de calidade. Esta empresa comercializa mexillón cocido, en salmoira, con media cuncha, en escabeche, á vinagreta ou en conserva e pasteurizado, baixo a marca Marvital Selección e Mar de Lorbé.

Imaxes relacionadas