O presidente da Xunta participou esta mañá na inauguración do XIII Congreso de UGT Galicia

Feijóo resalta o papel fundamental do diálogo social e do sindicalismo para xestionar os novos retos con realismo e intentar que ninguén quede atrás

Asevera que unha das fortalezas coas que conta a Comunidade é a estabilidade institucional, “porque Galicia así o decidiron os cidadáns”; e a estabilidade sindical, “porque conta con sindicatos con gobernanza”

Garante o compromiso do Goberno galego de seguir traballando a favor do diálogo social e da reactivación do país

Traslada preocupación pola crise industrial que está a vivir Galicia, ante unha transición ecolóxica apresurada: “Estamos abocados a buscar solucións, porque as hai. Se primeiro actuamos e despois pensamos, imos ter un gravísimo problema laboral, sindical e un grave problema na industria galega”, advirte

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o papel do diálogo social e do sindicalismo para xestionar os novos retos con realismo e intentar que ninguén quede atrás.

“Sodes unha parte esencial deste proxecto colectivo que é Galicia”, dixo, durante a inauguración do XIII Congreso de UGT Galicia, recordando que nin a democracia, nin o sindicalismo, son accesorios nos tempos que vivimos. Ao respecto, aseverou que unha das fortalezas coas que conta a Comunidade é a estabilidade institucional, “porque así o decidiron os cidadáns”; e a estabilidade sindical, “porque Galicia conta con sindicatos con gobernanza”.

Neste mesmo sentido, apelou ao lema deste congreso, Construíndo en igualdade: “Construír, porque non se trata só de iniciar unha nova senda económica, senón de adaptar a realidade económica á situación que estamos a vivir. E igualdade, porque a cohesión social, a igualdade de oportunidades, a conciliación e especialmente o peche da fenda entre homes e mulleres son cuestións que están en absoluta actualidade”, explicou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que os froitos do diálogo e os acordos son os que perduran e, nesta liña, garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir traballando a favor do diálogo social e da reactivación do país. “Por iso, xa nos reunimos moitas veces -dixo en alusión ás organizacións sindicais- e ímolo seguir facendo”, sentenciou.

Nese marco, lembrou que desde a Administración autonómica deseñáronse, desde o comezo da pandemia, programas para facilitar que os traballadores afectados por un ERTE puidesen cobrar un anticipo da nómina; así como axudas para completar as prestacións de menor contía. Ademais dun plan de rescate dotado con preto de 200 millóns de euros para autónomos, microempresas, e actividades como a hostalería.

Así mesmo, no eido da igualdade, avogou por seguir traballando con medidas de emprego ligadas ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero; “e, tamén, presentaremos un informe sobre o impacto da covid-19 no emprego feminino”, engadiu.

Feijóo aproveitou o acto para trasladar, novamente, a preocupación pola crise industrial que está a vivir Galicia, ante unha transición ecolóxica apresurada. “Antes de construír unha realidade, non destruamos a que temos”, dixo, en alusión aos máis de 16.500 empregos que están nunha situación límite.

“Estamos abocados a buscar solucións, porque as hai. Se primeiro actuamos e despois pensamos, imos ter un gravísimo problema laboral, sindical e un grave problema na industria galega”, concluíu.

Imaxes relacionadas