A conselleira de Política Social fixo balance desta iniciativa e presentou xunto con Cruz Vermella unha campaña para incrementar a súa implantación

Fabiola García destaca que a Tarxeta Básica deu unha resposta áxil e eficaz a máis de 40.000 galegos no que levamos de pandemia

Desde o pasado mes de xullo emitíronse preto de 25.000 tarxetas para as que o Goberno galego puxo á disposición da Cruz Vermella 26,5 millóns de euros

O seu funcionamento estendeuse ata xuño do ano 2021 para seguir axudando ás familias na compra de alimentos e produtos de hixiene e farmacia

Os fogares unipersoais reciben 150 euros ao mes, as familias con dous membros 200 e ás de tres membros ou máis concédenselle 300 euros mensuais

A Coruña, 17 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Tarxeta Básica deu unha resposta áxil e eficaz a máis de 40.000 galegas e galegos no que levamos de pandemia. A titular do departamento autonómico fixo balance deste programa pioneiro do Goberno galego durante un acto na sede da Cruz Vermella na Coruña, no que estivo acompañada do delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor, e no que se presentou unha campaña para incrementar a súa implantación.

A conselleira lembrou que, en menos dun ano, emitíronse preto de 25.000 tarxetas para as que o Goberno galego puxo á disposición da Cruz Vermella 26,5 millóns de euros. Así mesmo, o seu bo funcionamento levou á Xunta a incrementar a súa vixencia. Se ben naceu no pasado mes de xullo cunha duración inicial de tres meses, ampliouse o seu funcionamento ata o mes de xuño deste ano 2021.

Por outro lado, tamén recordou que esta axuda atende ao número de membros de cada unidade familiar. Así, para os fogares unipersoais, esta tarxeta concede 150 euros ao mes para a compra de alimentos, produtos de hixiene ou farmacia. No caso dos fogares con dous membros, a axuda mensual é de 200 euros; e para as familias con tres membros ou máis, concédense 300 euros ao mes.

Resposta sen precedentes

Fabiola García sinalou que a situación provocada pola covid-19, da que se cumpre un ano, non conta con ningún precedente recente. Por este motivo, afirmou, os efectos sociais e económicos tamén tiveron unhas dimensións nunca vistas, e “o Goberno galego debía dar unha resposta igual de extraordinaria”. Neste sentido, recalcou que a Tarxeta Básica logrou ser unha axuda urxente, coordinada e sen estigmas.

Imaxes relacionadas