Feijóo analiza co secretario xeral da UGT a crise industrial da Comunidade e os retos derivados do impacto da pandemia e da xestión dos fondos de reconstrución europeos

Destaca que a colaboración cordial e frutífera entre Xunta e UGT é fundamental tanto para o desenvolvemento do Diálogo Social como para os logros acadados en materia de igualdade laboral

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou esta tarde co secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez, a crise industrial da Comunidade e os retos derivados do impacto da pandemia e da xestión dos fondos de reconstrución europeos.

Durante o encontro, o presidente da Xunta fixo fincapé en que a crise industrial afecta a moitas empresas claves da Comunidade como son Navantia, Siemens-Gamesa, as centrais térmica das Pontes e Meirama e Alcoa, entre outras. Nesta liña, destacou os máis de 16.500 empregos que están en risco debido á falta de planificación na transición ecolóxica impulsada desde o Goberno central.

No que respecta aos fondos de reconstrución europeos, analizaron os retos e as oportunidades que suporán para o tecido produtivo da Comunidade, tendo en conta que financiarán proxectos que impliquen un cambio estrutural e, polo tanto, que xeren un impacto positivo sobre a resiliencia económica e social, o emprego, a sustentabilidade e a competitividade. Sobre este punto, o presidente da Xunta expúxolle ao secretario xeral do sindicato a posición de Galicia no referido ao seu reparto, que debe estar rexido pola cogobernanza e a descentralización.

Ao longo da reunión, Feijóo puxo de relevancia a colaboración cordial e frutífera entre Xunta e UGT, fundamental tanto para o desenvolvemento do Diálogo Social como para os logros acadados en materia de igualdade laboral. De feito, o titular do Executivo autonómico, que participará mañá na inauguración do XIII Congreso de UGT Galicia, lembrou que o traballo conxunto entre o Goberno galego e o sindicato foi imprescindible para artellar os dous plans de rescate postos en marcha pola Xunta para paliar os efectos da crise do coronavirus nos sectores máis afectados, como é o caso da hostalería.

Imaxes relacionadas