A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

Galicia defende a estabilidade ou incremento das cotas de pesca das principais especies nas augas compartidas co Reino Unido

A comunidade avoga na fixación de cotas para 2021 pola mellora das propostas do Consello Internacional para a Exploración do Mar en recursos obxectivo da frota como a pescada do norte, o rapante ou o peixe sapo

A proposta de acordo existente na actualidade supón a fixación duns totais admisibles de capturas provisionais ata o 31 de xullo baseados nas recomendacións científicas á espera de que se acade un acordo definitivo

A conselleira do Mar demanda a eliminación das cotas en especies de augas profundas ao tratarse de poboacións sen actividade dirixida e sen riscos relevantes para a súa conservación

Galicia lembra tamén a importancia de manter a bolsa de especies accesorias, con pouca relevancia de captura e escasas posibilidades de pesca, para evitar que provoquen o estrangulamento da frota impedindo o desenvolvemento normal da súa actividade

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se abordaron novamente as negociacións bilaterais das posibilidades de pesca para 2021 nas augas compartidas entre a Unión Europea e o Reino Unido. Nel, Galicia reiterou a necesidade de que se manteñan ou incrementen as cotas de pesca das especies de alto valor para a frota galega como a pescada, o rapante ou o peixe sapo co obxectivo de facilitar o labor do sector tras un ano de dificultades e despois dos recortes xa aprobados para este ano en augas do Cantábrico-Noroeste.

A titular de Mar avogou pola mellora das propostas do Consello Internacional para a Explotación do Mar (CIEM) nestas pesqueiras e pediu un esforzo tamén nas especies accesorias para poder facer fronte ás dificultades derivadas da cesión dun 25% das cotas europeas ao Reino Unido no marco do acordo sobre o brexit a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos, como é o caso dos intercambios de posibilidades de pesca entre países.

No encontro analizouse a proposta de acordo existente na actualidade, que supón a fixación duns totais admisibles de capturas (TAC) provisionais ata o 31 de xullo de 2021 baseados nas recomendacións do CIEM á espera de que se acade un acordo definitivo entre as delegacións europea e británica para esas augas compartidas. A finalidade da proposta é que a frota poida manter a actividade máis aló do primeiro trimestre, prazo no que estaba previsto acadar un acordo definitivo entre a UE e o Reino Unido.

Galicia defende a necesidade de, tendo en conta os aspectos medioambientais, económicos e sociais, manter ou incrementar as posibilidades de pesca nas principais especies mellorando as propostas do Consello Internacional para a Exploración do Mar. Tanto para a pescada do norte como para o rapante, Galicia defende o mantemento ou incluso o incremento do TAC tendo en conta cuestións relativas á mellora da biomasa segundo reflicten os datos científicos.

En canto ao peixe sapo, a comunidade autónoma galega avoga por un aumento da cota superior ao que aconsella o ICES, tendo en conta o bo comportamento da biomasa e o alcance e mantemento en anos pasados do Rendemento Máximo Sustentable, é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock.

Augas profundas

En relación ás especies de augas profundas, como o ollomol e o alfonsino, entre outras, Galicia leva tempo defendendo a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación pola rebaixa do esforzo pesqueiro realizado sobre elas.

A conselleira do Mar tamén lembrou a importancia de manter a bolsa de especies accesorias -aquelas de escasa relevancia de captura, con pouca cota e que se extraen xunto ás especies principais- entre os países membros para evitar que funcionen como especies de estrangulamento impedindo o normal desenvolvemento da actividade da frota.

O Consello Consultivo de hoxe é preparatorio do Consello de Ministros de Pesca da semana que vén, no que Galicia volverá a acompañar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas españolas. Neste caso a Presidencia portuguesa da Unión Europea decidiu que a reunión sexa de xeito presencial, polo que Galicia reitera a súa demanda de acceso ás salas de debate acompañando ao xefe da delegación española.

Imaxes relacionadas