Gonzalo Trenor destaca o traballo da Fundación Ingada para mellorar a calidade de vida das persoas con TDAH e trastornos asociados

A Coruña, 16 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, recibiu esta mañá aos representantes da Fundación Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (Ingada), unha entidade que ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas que padecen este tipo de enfermidades e das súas familias. No encontro o representante do goberno galego agradeceu o intenso traballo que realizan en Galicia e achegouse aos seus proxectos máis inmediatos.

A Fundación Ingada créase en 2014 co obxectivo de dar asistencia na nosa comunidade a persoas afectadas por TDAH e trastornos asociados e ás súas familias, dada a alta prevalencia destas patoloxías na nosa sociedade e as carencias existentes para a súa atención desde todas as áreas necesarias (clínica, educativa, social, familiar, laboral). Esta asociación conta cun equipo multidisciplinar de profesionais da investigación, a medicina, a psicoloxía, o dereito e a bioética, a educación, etc.

Imaxes relacionadas