A Xunta colabora coa Real Academia Galega nun congreso internacional que analizará en outubro a figura de Pardo Bazán

Inclúese na aposta do Goberno autonómico por impulsar a súa figura con varias iniciativas en marcha que incluirán unha gran exposición coa Biblioteca Nacional

A cita contará con expertos como os catedráticos Ramón Villares, Isabel Burdiel, Darío Villanueva ou Marina Mayoral, entre outros
 

A Coruña, 16 de marzo de 2021

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe, xunto co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na presentación do congreso Emilia Pardo Bazán 100 años después, unha iniciativa organizada pola RAG que conta co apoio do Goberno autonómico e que reunirá en outubro a diferentes expertos internacionais que afondarán na figura da autora desde novas perspectivas. Incluirá relatorios sobre a súa narrativa, as súas colaboracións na prensa ou cuestións sobre o seu pensamento como o europeísmo, entre outras.

Esta colaboración enmárcase na decidida aposta da Xunta por impulsar a figura da autora no seu centenario, que se complementa cunha completa programación de actividades que honrarán o seu papel de pensadora e creadora. Neste sentido salientou que a Xunta traballa tamén nunha gran exposición en colaboración coa Biblioteca Nacional de España que se poderá ver en Madrid e A Coruña con 200 pezas desta institución e de fondos públicos e privados, entre eles os pertencentes á Real Academia Galega.

“Emilia Pardo Bazán deixou un legado especialmente importante e é responsabilidade de todos nós seguir divulgándoo e protexéndoo, colaborando sempre coas distintas iniciativas que xurdan ao redor da escritora”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Por iso felicitou á Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega por reunir neste congreso a “pensadores de primeiro nivel que afondarán na figura e obra da autora desde unha nova perspectiva e cunha nutrida programación cultural que afondará na súa divulgación”, indicou.

A cita desenvolverase no mes de outubro e contará con relatorios do catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e académico da Real Academia Española (RAE), Darío Villanueva; a catedrática de honra da Real Academia Galega (RAG), Marina Mayoral; o catedrático, académico e historiador Ramón Villares ou a tamén catedrática e escritora autora da biografía de Emilia Pardo Bazán, Isabel Burdiel, ambos membros do comité de Expertos da Comisión de Meirás, entre outros. O congreso, que estará coordinado polo director do comité científico do mesmo, José Manuel González Herrán, complementarase con diversas actividades culturais.

Protección do seu legado

O secretario xeral de Cultura salientou a importancia de citas como esta que poñen en valor o carácter sobranceiro da produción da autora, precursora do feminismo e da loita pola igualdade. Recordou que, ademais dunha programación conmemorativa durante este 2021, a Xunta de Galicia divulga e protexe a súa produción literaria tamén desde distintas perspectivas. Neste sentido, recordou que está en marcha a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da súa biblioteca, pola que xa están protexidos 10.855 volumes que están custodiados tanto na sede da Real Academia Galega como nas Torres de Meirás.
 

Imaxes relacionadas