Feijóo aborda co alcalde de Ribeira a evolución dos proxectos de maior interese para o concello

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello, entre os que destacou as melloras en infraestruturas sanitarias e en materia de estradas.

No tocante ás infraestruturas sanitarias, despois de lembrar que o reformado e ampliado servizo de Urxencias do Hospital do Barbanza está en funcionamento desde o pasado mes de setembro, Feijóo avanzou o proxecto de licitar a reforma da área de endoscopias dixestivas.

Durante a reunión, Feijóo e o alcalde tamén abordaron a situación da futura variante de Ribeira, así como o reforzo do firme da AC-309 e o proxecto para integrar a estrada AC-305 no entorno urbano da localidade. A maiores, analizaron a posible ampliación do polígono industrial.

No tocante á covid, o titular do Executivo autonómico salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, activáronse diversas liñas de axudas das que se beneficiaron autónomos e pemes do municipio.

Así mesmo, aproveitou a xuntanza para destacar igualmente a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais. Finalmente, o presidente da Xunta valorou o reforzo por parte do concello dos servizos sociais e das axudas para autónomos.