A Biblioteca Ánxel Casal celebra o Día Mundial da Poesía co espectáculo ‘Videopoética’ da man de Yolanda Castaño

Esta proposta artística, que combina o recital en directo con pezas de audio e proxección de videopoesías, terá lugar mañá pola tarde

O secretario xeral de Política Lingüística e a poeta presentaron hoxe a iniciativa, que se enmarca na ampla programación da Xunta arredor do 21 de marzo

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

No marco da ampla programación promovida pola Xunta de Galicia arredor do 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle o espectáculo Videopoética, unha proposta creativa que combina o recital en directo con pezas de audio e proxección de videopoesías da man da coñecida poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este evento que, segundo explicou, “forma parte dunha manchea de iniciativas que se desenvolven durante estes días para poñer en valor e visibilizar as autoras e autores que apostan polo galego como ferramenta da súa expresión artística e que manteñen vivas as nosas letras”. Ademais, acompañado de Yolanda Castaño, visitou a mostra conmemorativa e participativa que durante este mes se exhibe na biblioteca compostelá.

A actividade poderase gozar en directo mañá a partir das 19,30 horas na propia biblioteca, con capacidade reducida e entradas dispoñibles alí desde media hora antes, e tamén se proxectará desde o perfil de Instagram @bpsanxelcasal.

Iniciativa ‘Alguén que respira!’

Así mesmo, Valentín García tamén presentou hoxe a cuarta edición do festival de poesía Alguén que respira!, que chega a Santiago adaptando o seu calendario ás continxencias da covid-19 para festexar o 21 de marzo baixo a dirección do escritor, editor e xestor cultural Antón Lopo e co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Nun novo formato, a cita poética estenderase ao longo do 2021 en catro xornadas que se celebrarán cada día 21 do solsticio e do equinoccio. A inaugural terá lugar o propio 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, no Teatro Principal.

Outras iniciativas en torno á poesía

O Pazo de San Roque acolle desde hoxe á tarde e durante tres xornadas o encontro Literatura nas marxes. A creación alén do canon, un proxecto organizado pola Asociación O Arquivo das Trasnas co patrocinio do Goberno galego que analizará tres liñas relevantes do panorama actual ás que se lles busca dar cada vez máis visibilidade na literatura galega: a reivindicación da muller como suxeito pleno, o tratamento da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+. Aínda que as prazas dispoñibles xa están cubertas, pódense consultar toda a información e programa das sesións no Portal da Lingua.

Tamén a Biblioteca de Galicia é epicentro da celebración do Día da Poesía co ciclo de lecturas Na Biblioteca de Galicia lese poesía, que conta coa participación das voces máis representativas da literatura escrita en galego. Ao longo do mes de marzo, acollerá cinco xornadas, a do propio 21 de marzo a cargo da poeta Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020.

Imaxes relacionadas