O director do Instituto de Estudos do Territorio mantivo unha reunión co alcalde

Medio Ambiente asesorará ao Concello de Rodeiro na elaboración dun estudo de mellora paisaxística

Francisco Barea explicou ao rexedor municipal as pautas iniciais que deben seguir para redactar esta ferramenta na que plasmar as actuacións de mellora, conservación e recuperación das contornas

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Rodeiro na redacción dun estudo de mellora paisaxística. O director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, mantivo unha reunión co rexedor, Rubén Quintana, ao que lle trasladou a colaboración técnica da Xunta para a elaboración desta ferramenta.

O director do IET adiantoulle as pautas iniciais que debe seguir para levar a cabo as actuacións de mellora, conservación e recuperación do entorno paisaxístico nalgúns lugares do concello.

A modo de exemplo, indicoulle que este traballo debe partir dunha análise daqueles lugares de interese, sobre os que o concello desexe actuar. Así, este documento recollerá a información dos lugares prioritarios para intervir e as medidas preventivas de conservación ou de nova creación para potenciar e poñer en valor o patrimonio paisaxístico e etnográfico.

Francisco Barea indicoulle que, unha vez redactado o documento, este será supervisado polos servizos técnicos do IET co fin de garantir que se adecúa e é acorde á normativa que rexe a paisaxe galega.

Imaxes relacionadas