Feijóo destaca o labor do grupo de traballo posbrexit para elaborar unha postura galega coordinada co sector, sustentada en informes e con aliados dentro das rexións europeas afectadas

“Seguiremos traballando para concretar as prioridades do sector, posicionar Galicia e, posteriormente, exportar as nosas propostas ás rexións europeas afectadas, co fin de expandilas á Comisión Europea”, garantiu

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor do grupo de traballo posbrexit, creado no seno do Consello Galego de Pesca, para elaborar unha postura galega coordinada co sector, sustentada en informes sólidos e con aliados dentro das rexións europeas afectadas.

“Hoxe constituímos o grupo de traballo posbrexit, con vocación de permanencia, para traballar con unidade, -contando con todo o sector-; e con rigor, a través de informes de expertos independentes e propios, co obxectivo de elaborar o noso posicionamento nas negociacións entre a Unión Europea e as autoridades británicas”, dixo, antes de presidir a súa primeira xuntanza.

Nesta liña, o titular da Xunta avanzou as distintas actuacións nas que se centrará o traballo, entre as que destacou a elaboración dun estudo sobre o impacto económico ante a posible perda de intercambios de cota cos países máis afectados polo recorte; ou a organización de encontros con rexións costeiras atlánticas que teñen intereses coincidentes con Galicia.

Así mesmo, referiuse á elaboración, en colaboración coa Alianza Pesqueira Europea, dunha terceira declaración europea en defensa do sector tralo acordo do brexit; á presentación de emendas ao regulamento do fondo de axuste do brexit para que sufrague tamén os impactos indirectos na frota, dentro do Comité das Rexións e da Asemblea do Arco Atlántico; e ao obxectivo de que unha representación deste grupo de traballo acuda ás reunións coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, nas que se trasladará o impacto do brexit en Galicia.

“En definitiva, seguiremos traballando para concretar as prioridades do sector, posicionar Galicia e, posteriormente, exportar as nosas propostas ás rexións europeas afectadas, co fin de expandilas á Comisión Europea”, sentenciou.
 

Imaxes relacionadas