A Xunta apoia con 5,4 M€ a empresa Arnoia distribución na súa aposta pola innovación e a industria 4.0 para converter a transformación dixital nunha oportunidade

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá, en Ponte Caldelas, as instalacións desta empresa

Pon en valor a traxectoria da compañía, un referente a nivel nacional en tamaño e en innovación que tamén destaca pola súa aposta pola internacionalización
 

Ponte Caldelas (Pontevedra), 16 de marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá en Ponte Caldelas as instalacións da empresa Arnoia Distribución para coñecer de primeira man o proxecto que está a desenvolver co apoio da Xunta de Galicia para avanzar no terreo da Industria 4.0.

En concreto están levantando unha nave anexa ás instalacións actuais que estará totalmente automatizada. O vicepresidente económico destacou que esta iniciativa, que o Goberno galego apoia con 5,4 millóns de euros -a través da liña de financiamento de investimentos estratéxicos (3,9M€), do Galicia Inviste (0,3M€) e do programa de axudas Proxectos Industria 4.0 (1,22M€)-, permitirá converter a transformación dixital nunha oportunidade para actualizarse e gañar en competitividade.

Conde puxo en valor os 34 anos de traxectoria de Arnoia Distribución, un referente a nivel nacional en tamaño pero tamén en innovación empregando, por exemplo, unha tecnoloxía pioneira en España para responder os pedidos dos clientes en 24-48 horas. Tamén destacou a aposta da empresa pola internacionalización que, en 2019, supuxeron o 2,7% do total das súas vendas.

Finalmente, felicitou a esta empresa familiar por ter sempre presente a cultura do reto e buscar a mellora constante, o que lle ten permitido contar cunha carteira de máis de 6000 clientes, cun catálogo de referencias de 4500 editoriais e a xeración de máis de 200 empregos.
 

Imaxes relacionadas