A Xunta renova toda a carpintaría exterior das fiestras do conservatorio de música Manuel Quiroga de Pontevedra cun investimento de 70.000€

O delegado territorial, Luis López, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, supervisan os traballos de colocación das ventás correspondentes coa segunda e derradeira fase, que quedarán rematados esta semana

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade reempraza as 107 fiestras co obxectivo de dotar de maior confortabilidade e funcionalidade ao centro musical e de favorecer a ventilación como medida de seguridade fronte á covid-19
 

Pontevedra, 16 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a renovar toda a carpintaría exterior, coa instalación de novas fiestras, no Conservatorio de Música (CMUS) Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra cun investimento de 70.318€.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, achegouse ata o centro musical para supervisar os traballos de subministración e colocación das novas ventás. Actualmente, estase a executar a segunda e derradeira fase, que está previsto que se remate ao longo da presente semana.

“Estamos a reemprazar todas as fiestras do conservatorio, atendendo unha demanda dos usuarios e unha necesidade real detectada polos servizos técnicos da Xunta, co dobre obxectivo de dotar a este inmoble dunha maior funcionalidade e confortabilidade, xa que as anteriores ventás eran incómodas e pouco eficientes, e de favorecer a ventilación do seu interior como medida de seguridade sanitaria fronte á covid-19”, explicou o representante autonómico.

A actuación, que se desenvolve en dúas fases, consiste na renovación de toda a carpintaría exterior de aluminio coa instalación de fiestras de follas practicables na parte fixa da infraestrutura. Teñen sistema de rotura de ponte térmica, dobre vidro e son oscilobatentes, o que favorece o seu emprego dun xeito máis acaído ás necesidades do conservatorio, e veñen lacadas en cor verde, azul e amarelo para manter a estética do inmoble.

En total, vanse mudar 107 fiestras, das que 44 -as de tamaño máis pequeno- quedaron colocadas no desenvolvemento da primeira fase e as 63 restantes -54 con dimensións estándar e outras 9 de gran superficie- estanse a instalar ao longo destes días.

 

Imaxes relacionadas