O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, presidiu o acto na Cidade da Cultura

A Xunta entrega 11 novas motobombas ao Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia

Dende o ano 2013 o Goberno galego adquiriu un total de 88 novos vehículos deste tipo, o que supón que se renovou máis da metade do parque móbil de motobombas do Servizo

O investimento total nestas novas motobombas é de 2,5 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá na Cidade da Cultura o acto de entrega de 11 novas motobombas para o Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia. O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, destacou que con estes novos vehículos a Xunta impulsa “a renovación do parque de maquinaria do Servizo, dentro da permanente aposta pola súa profesionalización e mellora, fomentando o seu carácter único e versátil tanto para prevención como para extinción”.

José González indicou ademais que o investimento total nestas novas motobombas é de 2,5 millóns de euros, cun custo unitario por vehículo que supera os 230.000 euros. Están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Na mesma liña, o titular de Medio Rural salientou que dende o ano 2013 o Goberno galego adquiriu un total de 88 novas motobombas, o que supón que se renovou máis da metade do total destes vehículos do Servizo (son 156 actualmente). Polo tanto, engadiu, “facemos unha aposta clara e destacada por que o noso persoal dispoña do mellor material, sempre atendendo ás posibilidades orzamentarias”.

A maiores, o conselleiro trasladou que todo este esforzo en medios terrestres refórzase co aproveitamento das novas tecnoloxías, que se pon de manifesto tamén mediante o emprego de drons para a vixilancia, a disuasión e o apoio á extinción, así como co despregue de cámaras para o control do territorio, entre outras melloras introducidas ultimamente.

Por outra banda, José González puxo en valor o “importante esforzo en materia de formación do persoal” que leva a cabo a Consellería. Neste sentido, destacou a próxima posta en marcha do Centro integral para a loita contra o lume, que se localizará no concello ourensán de Toén, e lembrou que precisamente hai uns días se ultimaban co alcalde desta localidade os traballos de adecuación exterior desas instalacións. Un complexo que a Xunta quere converter en referente no eido da formación e a especialización dos profesionais que loitan contra os incendios forestais, remarcou.

Características das motobombas

Os vehículos entregados hoxe contan con capacidade para 4.200 litros de auga e cunha potencia superior aos 225 cabalos. Trátase de motobombas todoterreo, especialmente deseñadas para a extinción de incendios forestais. Ademais, están equipadas cun sistema de protección perimétrica con dous circuítos independentes e dispoñen tamén de máis de medio quilómetro de mangueiras de diferentes grosores.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural