As mulleres vítimas da violencia de xénero xa poden solicitar as axudas ao alugueiro para afrontar o arrendamento total da súa vivenda

A liña de axudas conta cun orzamento de 2,7 M€ e as beneficiarias poden acceder a unha subvención para sufragar as doce mensualidades do alugueiro

A previsión é conceder preto de 200 novas subvencións, así como atender as prórrogas vixentes na actualidade

Completaranse cun incentivo complementario, polo que se garantirá o financiamento do 100% do custe do alugueiro ás mulleres beneficiarias

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas ao alugueiro para as mulleres vítimas da violencia de xénero, que contan cun orzamento de 2,7 millóns de euros. Así, a Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de garantir un fogar ás persoas que sofren a violencia doméstica e axudalas na consecución de autonomía e independencia cara un futuro novo e libre.

A convocatoria de axudas ao alugueiro para as vítimas de violencia de xénero é un programa dentro do Bono Alugueiro Social, impulsado no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, creado en 2019 para garantir axudas destinadas ao arrendamento de mulleres deste colectivo.

Cómpre destacar que estas subvencións, froito dun convenio de colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade, completaranse cun incentivo complementario, polo que se garantirá a financiamento do 100% do custe do alugueiro ás mulleres beneficiarias desta liña de axudas.

Esta medida vai na liña da decisión adoptada pola Xunta en maio de 2020 para complementar as axudas directas concedidas neses momento, co fin de cubrir o importe total do custe do alugueiro desta mulleres beneficiarias nun momento social delicado

Tal e como recolle a resolución, tamén se poderá solicitar unha axuda única adicional, de ata 600 euros, que se destinará a atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións ou a facer fronte a pagos atrasados.

Segundo as previsións do IGVS, o importe de 2021 permitirá conceder preto de 200 novas subvencións, e atender as prórrogas vixentes na actualidade, coas que axudar a estas mulleres a comezar unha nova vida, sobre todo sendo conscientes de que a separación física é o primeiro paso no proceso emancipador, polo tanto é clave que a administración pública oferte unha alternativa e posibilidades para dar ese primeiro e necesario paso cara un futuro novo e libre.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defende que apoiar as vítimas de violencia de xénero, así como aos seus fillos e fillas no acceso a unha vivenda, supón darlles unha oportunidade de para iniciar un novo futuro na que sexan quen de recuperar a capacidade de tomar decisións sen temores e medos e con total e absoluta independencia.

Facer partícipes a consumidores e cooperativas de vivendas

Esta medida tamén está incluída no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, que inclúe preto de 50 iniciativas coas que asegurar o acceso a unha vivenda a 70.000 familias e mobilizar 1.080 millóns de euros, tal e como lembrou a conselleira durante a inauguración do webinario celebrado hoxe para dar a coñecer as medidas recollidas no mesmo aos consumidores e cooperativistas de vivenda, no que participaron 36 entidades.

Ángeles Vázquez invitou a este colectivo a participar no desenvolvemento e execución destas medidas, pois os consumidores son os destinatarios finais de todas as políticas de vivenda e os representantes das familias que buscan un fogar, mentres as cooperativas de vivendas son entidades que unen esforzos e recursos para facer realidade novas promocións residenciais.

Ademais, lembroulles que este Pacto social recolle medidas orientadas a este grupo, como as axudas orientadas a acadar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade das vivendas

Este ano dispóñense 8,5 millóns de euros para estas actuacións ás que poden acceder as comunidades de propietarios e tamén os donos de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial, así como ás persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios. O prazo para solicitar as mesmas esténdese ata o 31 de xullo.

Imaxes relacionadas