A Xunta aborda coa hostalería os pasos a seguir para avanzar na desescalada gradual e segura do sector

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, mantiveron unha nova reunión cos representantes dos hostaleiros, onde trataron a posibilidade de aumentar o horario de peche ou a capacidade máxima dos locais

Tódalas propostas neste ámbito serán analizadas mañá na reunión do comité clínico, que avaliará a súa posta en marcha segundo a situación epidemiolóxica da covid-19

A Xunta destaca a necesidade de respectar os peches perimetrais das comunidades esta Semana Santa para poder consolidar a desescalada de cara á tempada estival

O Goberno galego recibiu case 40.000 peticións ao II Plan de Rescate, e xa comezou a pagar as primeiras axudas antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

A Xunta celebrou hoxe un novo encontro con representantes da hostalería da comunidade no que se abordaron os pasos a seguir para avanzar nunha desescalada gradual e segura do sector, así como a posibilidade de aumentar o horario de peche ou a capacidade máxima dos establecementos.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Traballo, María Jesús Lorenzana, trataron na reunión de hoxe a posibilidade de aumentar o horario de peche ou a capacidade máxima dos locais de hostalería, que terán que ser analizadas na reunión de mañá do comité clínico para avaliar a súa posta en marcha segundo a situación epidemiolóxica da covid-19 en cada zona.

Alfonso Rueda destacou a necesidade de escoitar aos expertos para que esta desescalada se leve a cabo con tódalas garantías e co obxectivo de consolidar a melloría da evolución da pandemia sen que haxa que dar pasos atrás. Ademais, sinalou a importancia de que se respecten en Galicia os peches perimetrais das comunidades nesta Semana Santa por parte dos visitantes doutras autonomías e poder continuar así con esta desescalada segura e “coa vista posta nunha tempada estival que se asemelle o máximo posible á normalidade”.

Ademais, a Xunta mantén o seu compromiso en manter o apoio ao sector a través do II Plan de Rescate, do que se teñen recibido case 40.000 peticións que xa comezaron a pagarse a semana pasada, dúas semanas antes de que finalice o prazo de solicitude. O Goberno galego leva investidos entre as dúas convocatorias deste Plan máis de 160 millóns de euros nun tempo récord de 4 meses.

Nesta liña, a Administración autonómica solicita a mesma axilidade ao Goberno central na transferencia dos fondos das axudas para autónomos e pemes que distribuirán as comunidades. Ademais, a Xunta lamenta que o Goberno central penalice a Galicia e, en concreto aos sectores da hostalería e o comercio da comunidade, con 110 millóns menos do que lle correspondería, o que supón un terzo do total. Por iso, critica que se apliquen criterios subxectivos e arbitrarios na súa distribución.

Imaxes relacionadas