Feijóo valora os resultados do Programa Oportunius que permitiu captar máis de 41 M€ de financiamento e xerar preto de 100 empregos

Salientou que en 2021 se incorporan dous investigadores estranxeiros por primeira vez, “o que corrobora que o programa se consolida como un mecanismo efectivo para a atracción do talento internacional”

Son xa 5 os contratos Oportunius a gañadores das axudas do European Research Council (ERC)
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe os resultados do Programa Oportunius, que permitiu captar máis de 41 millóns de euros de financiamento e xerar preto de 100 empregos entre investigadores predoutorais, postdoutorais e persoal de apoio.

Durante un encontro cos tres novos investigadores contratados ao amparo deste programa, Feijóo lembrou que desde a súa posta en marcha en 2014 téñense apoiado 24 investigadores e 31 proxectos gañadores das axudas do European Research Council (ERC). “Galicia sitúase como a sexta autonomía en retornos desta institución no marco Horizon 2020, tras ter ocupado anteriormente o noveno posto”, incidiu.

Son xa 5 os contratos Oportunius a gañadores ERC. Ashwin Woodhoo –investigador principal do Grupo de Control Xenético de enfermidades do CIMUS USC–, Jacob Copeman -investigador de Historia da USC- e Rubén Nogueiras -investigador principal do Grupo de Metabolismo Molecular do CIMUS USC- únense a Diego Martínez e Elena Ojea.

Feijóo salientou que en 2021 se incorporan dous investigadores estranxeiros por primeira vez –Woodhoo e Copeman-, “o que corrobora que o programa se consolida como un mecanismo efectivo para a atracción do talento internacional”. Ademais, no ano 2020 o programa experimentou un forte impulso coa obtención de 7 proxectos do ERC.

A aposta da Xunta polo talento forma parte da Estratexia RIS3, que engloba diferentes programas orientados á incorporación, atracción e retención de persoas capaces de liderar e desenvolver actividades tanto no ámbito científico como no empresarial.

Deste xeito, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina 24 millóns de euros en 2021 ao obxectivo de acadar que a economía galega creza sobre a base do coñecemento “para contar cunha Galicia máis preparada e máis emprendedora”.

A política de I+D+i é un ámbito de actuación cada vez máis prioritario para Galicia. De feito, Feijóo incidiu en que xa se están a ver os resultados desa política. En 2019 a Comunidade acadou os niveis máis altos de toda a serie histórica en diferentes variables da actividade de I+D: investimento (627,3 M€), persoal en I+D (11.085 personas), investigadores (6.724) e en gasto per cápita (232,4€). E, nesa liña, o orzamento da Xunta para 2021 sitúase en 228 millóns de euros duplicando así os recursos investidos en 2014.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia, dentro do seu compromiso cunha economía baseada no coñecemento, vén de poñer en marcha a comisión interdepartamental de I+D+i, que ten como principal finalidade potenciar a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade nesta materia.
 

Imaxes relacionadas