Política Social agarda aumentar a oferta de casas do maior na provincia de Pontevedra coa convocatoria de 5,3M€ para este ano

O delegado Territorial, Luis López, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitan xunto co alcalde, Horacio Gil, o centro de Arbo, á que se adicaron 85.300€ nos últimos tres anos

A Xunta pretende cuadriplicar este servizo en Galicia, que conta agora con 20 unidades, coa apertura de 63 no presente exercicio en calquera concello da comunidade que non dispoña dun centro de día ou prestación similar

Arbo, 15 de marzo de 2021

A Consellería de Política Social agarda aumentar este ano a oferta de casas do maior na provincia de Pontevedra, que na actualidade dispón das de Arbo e Pazos de Borbén, coa nova convocatoria para a súa apertura, aprobada o pasado xoves polo Consello da Xunta e que conta cun orzamento de 5,3 millóns de euros.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron esta mañá, xunto co alcalde de Arbo, Horacio Gil, a casa do maior deste termo municipal, emprazada no lugar de Sela desde o ano 2019 e que atende na actualidade a tres usuarios.

A Xunta aspira a cuadriplicar este servizo en toda a comunidade, pasando dos 20 centros existentes a máis de 80 coa posta en funcionamento de 63 novos grazas a un investimento de 945.000€ para adecuación das casas, cun máximo de 15.000€ por centro, e 4,4 millóns de euros para o seu funcionamento, cunha achega individual de 19.600€ por exercicio garantidos ata o ano 2023.

Flexibilización dos requisitos

“Temos a firme intención de seguir reforzando este servizo, que mistura conciliación, coidados, socialización e esparcemento, xa que unificamos unha dobre convocatoria con 30 casas do ano 2020, cuxa resolución quedou aprazada pola pandemia, e outras 33 deste ano”, detallou Fernando González, que engadiu que as solicitudes presentadas do pasado exercicio non terán que volver a concorrer agás en caso de renuncia.

O director xeral explicou ademais que as posibilidades serán superiores, “xa que se amplía o número de concellos que a poden solicitar, posto que ata a data eran os de menos de 5.000 habitantes, pero agora poderán facelo todos os que non teñan un centro de día ou prestación similar”. Así mesmo, tamén se amplía o perfil de usuarios, pasando de dependentes de grao I e II a incluír tamén a persoas autónomas “para facilitar a conciliación dos seus coidadores” e se financian os desprazamentos, ofrecendo a Xunta 5 euros diarios por persoa e día aos promotores destas casas.

Pola súa banda, Luis López destacou a “forte aposta da Consellería de Política Social polo coidado e o benestar dos maiores” con este formato de casas e puxo como exemplo a instalación de Arbo, que leva funcionando, da man de Sorema Sociedade Cooperativa Galega, dende hai tres anos grazas a unha achega de 85.300€, que se dividiu en 15.000€ de investimento para o inmoble, 11.500€ para transporte e 58.800€ para o seu funcionamento ordinario.

“É un servizo de gran importancia en concellos pequenos, rurais, de interior ou que carezan desta prestación, polo que agardo que haxa unha boa resposta por parte de concellos e promotores e se incremente exponencialmente a oferta na nosa provincia”, manifestou o delegado territorial, que lembrou que as condicións para os usuarios son “inmellorables”, xa que se trata dun servizo gratuíto, que pode albergar un máximo de cinco persoas ata un límite de oito horas diarias de luns a venres, que conta con flexibilidade no acceso e que ademais ten seguridade e calidade, posto que os responsables deben dispoñer de formación ou experiencia profesional específica.

Imaxes relacionadas