Emigración coñece no Concello da Lama un proxecto empresarial internacional dun galego retornado apoiado pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá o concello pontevedrés, recordando que en 2020 beneficiáronse un total de 94 emigrantes retornados a través das axudas de emprendemento, sendo 11 deles veciños dalgún concello da comarca de Pontevedra

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que crearon proxectos empresariais

O secretario xeral da Emigración anunciou que a nova liña de axudas ao emprendemento dos retornados sairá de xeito inmediato

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse hoxe ata o concello da Lama para coñecer o proxecto empresarial dun mozo retornado do Reino Unido que puxo en marcha un negocio de márketing e publicidade na parroquia do Pelete. Rafael Pardo contou cunha axuda de 7.000 euros deste departamento autonómico a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor.

Na visita estiveron acompañados polo tenente de alcalde David Carrera.

Rafael Pardo é fillo de emigrantes mexicanos e retornado do Reino Unido, elixindo a parroquia de O Pelete para poñer en marcha o seu novo proxecto empresarial que conta entre os seus clientes a empresas galegas de proxección internacional así como firmas do extranxeiro. Coa axuda recibida pola Secretaría Xeral da Emigración adquiriu o equipamento necesario para a posta en marcha desta nova firma.

Miranda aproveitou a visita para recordar que a nova liña de axudas, que permitiu que máis de 94 emprendedores retornados se beneficiaran dun apoio económico en 2020, está a punto de publicarse.

En 2020 a provincia de Pontevedra contou con 35 beneficiados por estas axudas (21 deles na demarcación da Delegación de Pontevedra e 14 na de Vigo). Na comarca de Pontevedra, beneficiáronse 11 galegos retornados: 7 na cidade do Lérez, 2 en Marín, un en Ponte Calelas e outro na Lama.

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta iniciativa autonómica permite ás e aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 8.000 euros de subvención.

Trátase dunha liña de subvencións que ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cun investimento de máis de 235 millóns de euros.

Imaxes relacionadas