O Sergas continúa coas conferencias sobre benestar emocional dirixidas aos profesionais da sanidade

A psicóloga Fátima López Rodríguez, experta en trauma, apego e disociación, será a encargada de impartir mañá a segunda sesión do ciclo, que nesta ocasión estará dedicada ao autocoidado

A iniciativa, á que están invitados os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas, enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinaron hoxe un acordo de colaboración para a organización de seis das conferencias que se impartirán no ciclo
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

O Servizo Galego de Saúde continúara mañá cunha nova conferencia dentro do ciclo que está a impartir para coidar o benestar emocional dos seus traballadores. Nesta ocasión, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), será a psicóloga Fátima López Rodríguez, experta en trauma, apego e disociación, a encargada da segunda sesión do ciclo baixo o título “O autocoidado como forma de ser”.

Este ciclo de conferencias enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19, posto en marcha pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Están invitados a participar os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas.

Neste contexto, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinaron hoxe un acordo de colaboración para a organización de seis das conferencias que se impartirán no ciclo. Será o propio COPG o encargado de seleccionar tanto a temática destas charlas como os ponentes que as levarán a cabo.

As conferencias teñen lugar ás 18.30 da tarde do primeiro e o terceiro martes de cada mes, entre os meses de marzo e xullo. Emítense en directo na canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde a través da súa web https://acis.sergas.es/ Logo de ser emitidas quedan gravadas e dispoñibles para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde nunha sección específica na Aula virtual de ACIS.

A primeira das conferencias, "Controla o estrés antes de que te controle a ti" da psicóloga e experta en estrés e ansiedade, Alejandra Vallejo-Nágera, leva xa máis de 8.000 visualizacións no devandito canal de ACIS.
 

Imaxes relacionadas