O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade preside na Coruña o acto conmemorativo no día do 30 aniversario do Centro Galego de Artes da Imaxe

O CGAI abre unha nova etapa como Filmoteca de Galicia para reforzar o seu papel na recuperación e dixitalización de fondos

Román Rodríguez destaca un labor de tres décadas como “custodio do patrimonio audiovisual galego, garante da súa conservación e cómplice da súa difusión”

Neste tempo, reuniu un arquivo de 350.000 pezas, preto de 350.000 espectadores e 8.000 películas proxectadas, polo que felicitou aos profesionais do equipo
? Colaborará coa Filmoteca Nacional na recuperación do ‘Fondo Barreiro’ e fará un exhaustivo labor de catalogación dixital de toda a nosa historia audiovisual

A inminente aprobación do Estatuto da Agadic permitirá a cobertura do posto de dirección neste centro, que pasará a incorporarse oficialmente á súa estrutura

Realizaranse actuacións de mellora das súas instalacións que incluirán, entre outras, a renovación da insonorización e a cabina de proxección

Co gallo da efeméride, fíxose entrega da dixitalización do arquivo cinematográfico de Navantia e bautizouse a sala de proxeccións co nome de José Sellier

A Coruña, 15 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia converterá o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na nova Filmoteca de Galicia coincidindo co seu trixésimo aniversario para reforzar o seu traballo arquivístico, de recuperación e dixitalización de fondos fílmicos. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nun acto conmemorativo no día no que se cumpren 30 anos desde a súa apertura o 15 de marzo de 1991.

O titular de Cultura do Goberno galego subliñou o papel do centro como “custodio do patrimonio audiovisual galego, garante da súa conservación e cómplice da súa difusión” que neste tempo soubo combinar a conservación e recuperación fílmica galega coa proxección de películas. Neste sentido, salientou as máis de 350.000 pezas audiovisuais que conseguiu recompilar, onde se inclúen máis de 3.300 títulos cinematográficos en celuloide, dos que máis de 1.100 son galegos; 11.000 títulos videográficos, 9.000 deles galegos; 250.000 fotografías e 10.900 carteis, así como 11.000 libros especializados, 6.000 publicacións ou 9.500 títulos en DVD, Blu-ray e VHS.

Tamén se referiu á importante función de promoción do audiovisual galego da filmoteca autonómica nestes anos, con preto de 350.000 espectadores nas case que 8.000 fitas proxectadas ou os máis de 35.000 escolares de 330 centros educativos nas sesións didácticas realizadas especialmente para eles. “O CGAI é, sen dúbida, un espazo en continuo avance, que quere e debe ser tanto testemuña como protagonista do mundo audiovisual galego do século XXI”, expresou.

Máis que un cambio de denominación

Por iso, no marco desta progresión, o CGAI emprende un novo proceso co que pasará a denominarse oficialmente Filmoteca de Galicia para reforzar a súa faceta arquivística, en liña coas principais estruturas análogas do resto do Estado e de nivel internacional, coas que vén colaborando. No horizonte máis inmediato, ten encomendados traballos de colaboración coa Filmoteca Española para a recuperación do denominado Fondo Barreiro, os materiais audiovisuais asinados polos irmáns pontevedreses Enrique e Ramón Barreiro, pioneiros do cinema en Galicia, ou a dixitalización de todos os materiais fílmicos galegos, que compoñen a nosa historia audiovisual, e que estean nestes momentos libres de dereitos ou con dereitos localizables.

Dáse así continuidade ás funcións de recuperación levadas a cabo nos últimos anos conservando pezas de especial interese, como a dixitalización do Arquivo Navantia. “Un traballo minucioso e exhaustivo de catro anos que nos permite ter documentada unha parte de historia de Galicia clave para o noso desenvolvemento histórico”, afirmou. Precisamente, co gallo desta efeméride, entregouse hoxe o Arquivo Navantia, un dos últimos traballos de recuperación documental realizados polo CGAI.

Trátase dun cento de películas datadas entre 1951 e 1982 que conteñen materiais e escenas moi variadas: desde as botaduras de buques desde os antigos estaleiros de Bazán e Astano ata documentos didácticos e escenas no traballo destas factorías ou da vida na época en toda a comarca ferrolá. “Estes fondos quedan xa en perfecta conservación e catalogación e hoxe, neste día tan sinalado, nos comprace entregarllos aos responsables actuais dos estaleiros da ría de Ferrol”, indicou o conselleiro.

Retos de futuro

Román Rodríguez chamou a atención sobre o papel do CGAI como testemuña da historia cinematográfica galega e avanzou que nesta nova etapa bautízase a súa sala de proxeccións co nome de José Sellier, en homenaxe a “un persoeiro único” que a finais do século XIX realizou as primeiras exhibicións de cinematógrafo no seu estudo situado na Coruña con moitas gravacións da súa propia autoría.

Avanzou, ademais, que de xeito inminente, tras a próxima aprobación do Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), se abrirá o mecanismo para a dotación do posto de dirección e se integrará oficialmente na súa estrutura, un proceso que busca reforzar a capacidade da Agadic na súa actividade de apoio ao sector.

“Estas paredes continuarán a ser o fogar que salvagarda a nosa produción audiovisual, sen renunciar a ser un compañeiro de viaxe da experiencia de consumir o mellor cinema en pantalla grande”, explicou. Por iso tamén, a filmoteca autonómica vai asumir tarefas de mellora e acondicionamento das súas instalacións que incluirá, entre outras, a renovación da insonorización e a cabina de proxección.

Imaxes relacionadas