O conselleiro do Medio Rural presidiu a entrega dos títulos de propiedade a 440 veciños, dando así por rematado este proceso de reorganización do territorio

A Xunta investiu preto de 2 M€ na concentración parcelaria de Foxáns-Bendaña, no Concello de Touro

A superficie afectada ascende a máis de 461 hectáreas, pasado de máis de 6300 parcelas a menos de 1000 fincas, o que supuxo que a superficie media por predio se multiplicase por sete

O conselleiro anunciou que nos vindeiros meses entregaranse os títulos doutras oito zonas, beneficiando a máis de 2400 veciños galegos

Decretaranse dúas novas parcelarias nas vindeiras semanas e poñerase a exposición pública o estudo previo de iniciación doutros tres novos procesos

Touro (A Coruña), 15 de marzo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá a entrega de títulos de propiedade da concentración parcelaria de Monte de Foxáns e Santa María de Bendaña, no concello coruñés de Touro, dando así por finalizado este proceso de reorganización da terra que supuxo un investimento da Xunta de case dous millóns de euros.

Así, e cumprindo todas as medidas sanitarias exixidas, o conselleiro xunto coa directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron na entrega destes títulos aos 440 veciños beneficiados desta reestruturación, que afectou unha superficie de algo máis de 461 hectáreas.

Con esta reorganización do territorio, pasouse de 6302 parcelas a 940 fincas, o que permitiu multiplicar por sete a superficie media dos novos predios. Isto, engadiu José González, demostra que as parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, e reducir considerablemente os custos de produción das explotacións ao aumentar a súa base territorial.

Neste senso, o titular de Medio Rural anunciou que nos vindeiros meses entregaranse preto de 6000 títulos de propiedade doutras oito zonas parcelarias, beneficiando a máis de 2400 veciños galegos. Así, sinalou que a día de hoxe están abertos un total de 96 procesos, pero que en 59 deles os veciños xa fan uso das novas parcelas.

Ademais, “por cada concentración rematada, iniciaremos unha nova”, manifestou o conselleiro ao tempo que asegurou que se seguirán impulsando estes procesos da man da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual iniciado xa pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Deste xeito, José González avanzou que o seu departamento ten previsto decretar dúas novas parcelarias nas vindeiras semanas e poñer a exposición pública -no Diario Oficial de Galicia- o estudo previo de iniciación doutros tres novos procesos. Para seguir traballando nestes procesos de reestruturación da terra, a Consellería do Medio Rural destina máis de 12 millóns de euros neste ano 2021, que se suman aos 118 millóns de euros que se levan investido desde o ano 2009.

Estas novas reestruturacións parcelarias iniciadas ao abeiro da Metaga, trasladou o conselleiro, teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.
Así, ademais de seguir impulsando estes mecanismos, a futura Lei de recuperación apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Imaxes relacionadas