A Xunta apela á sensibilización e ás políticas de emprego inclusivas para avanzar cara a igualdade das mulleres con discapacidade

As conselleiras de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e de Política Social, Fabiola García, participaron hoxe na presentación do proxecto ‘Descubre a nosa realidade’ da asociación Mulleres con discapacidade de Galicia - Acadar

Lorenzana destacou o apoio da Administración autonómica para visibilizar o traballo dos colectivos que loitan pola igualdade de xénero e de oportunidades das persoas con discapacidade e sinalou que a formación e o emprego forman parte do camiño para lograr estes retos

O Goberno galego ten en marcha programas como Emprega discapacidade e exclusión e o proxecto piloto de formación dual para persoas con discapacidade en centros especiais de emprego para mellorar a contratación deste colectivo

Fabiola García sinalou que iniciativas coma esta buscan darlle un lugar propio ás persoas deste colectivo e redundan nun mundo máis xusto e igualitario

Durante o ano 2021 destinaranse 126 millóns de euros a atención á discapacidade, a partida máis grande da historia

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

As conselleiras de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e de Política Social, Fabiola García, apelaron hoxe á sensibilización e ao reforzo das políticas de emprego inclusivas para que Galicia siga avanzando cara a igualdade das mulleres con discapacidade, tanto desde o punto de vista do xénero como o de oportunidades laborais.

As representantes do Goberno galego participaron en Santiago de Compostela na presentación do proxecto Descubre a nosa realidade da asociación Mulleres con discapacidade de Galicia-Acadar, que conta co apoio do Goberno galego. Trátase dunha exposición fotográfica que foi relanzada en 2020 e que conta desde hoxe coa web (https://www.descubrerealidades.org/) e coa conta de Instagram (@descubre realidades) nas que se reflicten experiencias persoais de protagonistas reais co obxectivo de seguir facendo visible a violencia que sofren as mulleres con discapacidade en diversos eidos.

Lorenzana reafirmou o compromiso da Xunta coa inclusión das persoas con discapacidade e sinalou a importancia de seguir colaborando coas asociacións galegas para dar a coñecer a discriminación que sofren as mulleres con discapacidade. “Ser unha muller con discapacidade é un reto e, por iso, temos que seguir traballando para empoderalas cara un futuro cada vez máis igualitario e sen estigmas”, apuntou.

A titular de Emprego e Igualdade destacou, ademais, que a formación e o emprego son parte do camiño para lograr a igualdade de xénero e de oportunidades e, ao respecto, puxo en valor os programas que ten a Xunta en marcha nestes ámbitos. Así, resaltou o programa Emprega discapacidade e exclusión que conta cun investimento de 3,4 millóns de euros para fomentar a contratación das persoas con discapacidade; e o proxecto piloto de formación dual nos centros especiais de emprego como medida efectiva para mellorar a contratación deste colectivo, que conta cun presuposto de dous millóns de euros. A Xunta tamén conta, entre outras, con axudas para o mantemento dos postos de traballo nos centros especiais de emprego e para a contratación de persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro.

Así mesmo, puxo de manifesto a colaboración que o Goberno galego mantén coas diferentes asociacións e entidades que loitan pola inclusión social e o diálogo permanente con elas para lograr unha verdadeira integración social e laboral. Ao respecto, Lorenzana lembrou que o departamento que dirixe investiu nos últimos cinco anos máis de 540.000 euros para apoiar o traballo de Acadar e destinou 55 millóns de euros ás entidades que conforman Cogami nos últimos dez anos.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social resaltou que iniciativas como a presentada por Acadar permiten darlle a coñecer ao mundo a realidade das mulleres con discapacidade. “Unha maneira de reivindicar un lugar propio para este colectivo que beneficiará ás xeracións futuras”, apuntou. Fabiola García amosou a súa admiración por entidades como Acadar e Cogami que “demostran cada día vocación por facer do mundo un lugar máis xusto e igualitario”.

O Goberno galego incrementou un 10% a partida destinada á atención das persoas con discapacidade durante este ano 2021 ata chegar aos 126 millóns de euros, a partida máis grande da historia. Un orzamento que permitirá, entre outras cousas, aumentar a rede galega de atención temperá e mellorar a colaboración co tecido asociativo da discapacidade.

Imaxes relacionadas