Política Social leva o programa Xantar na casa aos veciños do Concello da Capela

Ata dez veciñas e veciños deste municipio coruñés recibirán nas súas vivendas unha dieta equilibrada, de calidade e axustada ás súas necesidades

Máis de 1600 persoas de 185 concellos das catro provincias son xa usuarias desta iniciativa

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021

A Xunta leva o programa Xantar na casa ao concello da Capela, o último en incorporarse ata agora a esta iniciativa que xa está implantada en 185 municipios de toda Galicia. Ata un máximo de dez veciñas e veciños desta localidade coruñesa recibirán nas súas vivendas unha dieta equilibrada, de calidade e axustada as súas necesidades.

O Xantar na casa desenvólvese en coordinación cos servizos sociais municipais, o que permite realizar un labor de prevención e vixilancia da situación destas persoas, posto que o reparto de comidas supón manter con elas un contacto regular. O prezo de cada menú diario é de 6,60 euros, dos que a Xunta achega 3,08; o Concello, 1,76; e a persoa usuaria outros 1,76 euros.

Coa incorporación da Capela, o Executivo autonómico segue a estender esta iniciativa, que a día de hoxe chega a máis de 1600 galegas e galegos. Así, neste ano 2021 o Xantar na casa entrou en funcionamento en Melide e ampliouse o número de persoas usuarias en San Sadurniño, que pasou de 7 a 20; e en Porto do Son, onde aumentou de 15 a 25.

Reparto de máis de 45.000 comidas ao mes

A Xunta de Galicia destina a este programa 2,3 millóns de euros ao ano. A través deste servizo repártense directamente nos domicilios das persoas beneficiarias arredor de 45.200 comidas cada mes.