Un total de 17 restaurantes e cafeterías de Sanxenxo vanse beneficiar xa das axudas para acondicionar as súas terrazas ou vender a domicilio

No conxunto da provincia de Pontevedra, son 318 os locais que xa se van poder acoller a esta orde de axudas, cun investimento mobilizado de 2,9M€

A Xunta vén de reforzar ata os 11M€ o orzamento destinado a este programa para dar resposta á enorme demanda e interese que ten espertado no sector, un dos máis afectados no actual contexto económico

Esta orde de axudas contribúe a que o sector da hostalería poida desenvolver a súa actividade coa máxima seguridade, no marco das medidas de protección da saúde ante a covid-19
 

Santiago de Compostela, 13 marzo de 2021.- Un total de 17 restaurantes e cafeterías de Sanxenxo vanse beneficiar xa das axudas da Xunta para o acondicionamento de espazos exteriores e para os servizos de vendas a domicilio ou para levar, cunha axuda de case 197.000 euros. Así llo trasladou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, ao alcalde do municipio, Telmo Martín, nunha xuntanza que ambos os dous mantiveron esta semana.

Esta orde de apoios contribúe a que o sector da hostalería poida desenvolver a súa actividade coa máxima seguridade, no marco das medidas de protección da saúde ante a covid-19. De feito, a Xunta vén de de reforzar de 3 a 11 millóns de euros o orzamento destinado a este programa para dar resposta á enorme demanda e interese que ten espertado no sector, un dos máis afectados no actual contexto económico. No conxunto da provincia de Pontevedra, son 318 os locais que xa sen van poder acoller a esta orde de axudas, cun investimento mobilizado de 2,9 millóns de euros.

Con apoios do 80 por cento do investimento realizado, esta liña ofrece axudas directas a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, desde un mínimo de 1500 euros dos gastos ata un máximo de 25.000. Ademais, inclúe a achega de anticipos pola metade da contía. O investimento medio dos establecementos beneficiarios ata o momento é de 9000 euros, e a axuda media de máis de 7000.

Na xuntanza, o vicepresidente económico e o alcalde de Sanxenxo tamén abordaron o impacto no municipio doutras liñas de axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Entre elas, as destinadas á dixitalización do comercio, outro dos sectores que está a ser máis castigado polo efecto da pandemia, e que mobilizaron no concello 2,9 millóns de euros. Tamén, as que van dirixidas a fomentar a eficiencia enerxética en concellos, empresas e particulares, cun investimento público-privado mobilizado de 3,3 millóns de euros. E os catro espazos coworking que a Xunta apoiou ata o momento na comarca do Salnés, nos que se maduraron 82 proxectos empresariais e que favoreceron a creación de case medio cento de postos de traballo.

Por outra banda, ao ser Sanxenxo Concello Emprendedor, Conde e Telmo Martín tiveron ocasión de conversar sobre as vantaxes que ofrece a nova Lei de simplificación administrativa de apoio á reactivación económica en materia de tramitación e iniciativas empresariais prioritarias.
 

Imaxes relacionadas