A economía social creou en Galicia máis de 125 novas empresas ao longo de 2020 pese á covid-19

A Xunta aposta por esta fórmula empresarial e, por iso, incrementou este ano nun 22% o seu apoio ás cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral ata chegar aos 33 millóns de euros

A Rede Eusumo, coa que Emprego e Igualdade difunde os beneficios da economía social e conta con 223 socios, prestou asesoramento en 2020 a 217 proxectos e levou a cabo preto de 200 cursos e actividades divulgativas nas que participaron preto de 3.400 persoas

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021

A economía social creou en Galicia ao longo do pasado ano un total de 126 novas empresas pese á covid-19. Trátase dunha fórmula empresarial que ten demostrado a súa resistencia en períodos de crise e así o confirman os datos de 2020. Ao longo do pasado ano creáronse 98 cooperativas con 255 persoas socias promotoras, 23 sociedades laborais con 58 persoas socias promotoras, catro centros especiais de emprego e unha empresa de inserción laboral. Así, a Comunidade galega conta con 1.455 cooperativas activas, 1.463 sociedades laborais, 111 centros especiais de emprego e 13 empresas de inserción laboral.

Todas estas fórmulas de negocio que forman parte da economía social, xunto con fundacións, asociacións con ánimo de lucro, confrarías, sociedades agrarias de transformación, comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común e mutuas, entre outros, desenvólvense baixo a mesma premisa: dan prioridade ás persoas e, en todas elas, priman o fin social, a xestión democrática, o desenvolvemento local, a inserción de persoas en risco de exclusión social, a xeración de emprego de calidade e a conciliación da vida familiar e laboral.

A Xunta aposta, por iso, pola economía social e, así, incrementou este ano o orzamento neste eido nun 22%, ata alcanzar os 33 millóns. O investimento divídese en tres áreas: para a creación e consolidación de empresas e emprego, o programa Aprol-Economía Social está dirixido a apoiar a xeración de emprego en cooperativas e sociedades laborais; Es-Transforma está destinado á recuperación de empresas con perspectiva de peche mediante a súa transformación en compañías de economía social; Es-Factory, de apoio aos emprendedores sociais; e o bono consolidación, que inclúe axudas destinadas a garantir a permanencia das empresas xa existentes de economía social.

Para promover o emprego inclusivo, tanto para as persoas con discapacidade como en risco de exclusión social, o Goberno galego ten en marcha axudas destinadas á creación e mantemento de postos de traballo nestes dous ámbitos. Tamén conta con dous proxectos piloto dirixidos á formación dual de persoas con discapacidade intelectual e outro para persoas perceptoras da Risga.

Por último, para difundir e dar a coñecer os beneficios da economía social, a Xunta conta coa Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e da economía social; e co programa Es-Próxima que ten como finalidade poñer en valor a calidade de produtos e servizos, así como os beneficios que aporta á comunidade a economía social.

Rede Eusumo

A Rede Eusumo ten entre o seus obxectivos fomentar o espírito emprendedor a través da economía social, prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base na economía social e impulsar o modelo empresarial no ámbito local. Este instrumento de colaboración que impulsa a Xunta ten 223 socios dos que 13 formalizaron a súa adhesión en 2020. Ao longo do pasado ano, a Rede prestou asesoramento a 217 proxectos e titorizou a 379 persoas, e levou a cabo preto de 200 cursos formativos e actividades divulgativas nos que participaron 3.377 persoas.

Esta iniciativa, polo tanto, traballa na maduración de ideas e modelos de negocio de economía social; asesora e acompaña proxectos de economía social; e impulsa o salto de escala en empresas de economía social.

Todas estas iniciativas impulsadas pola Xunta enmárcanse na Estratexia galega de economía social. O Goberno galego, ademais, traballa da man do sector a través do Foro Galego de Economía Social e do Consello de Economía Social de Galicia, na aposta por este modelo económico que contribúe a crear emprego baixo o principio de solidariedade e cara un desenvolvemento económico innovador.

Imaxes relacionadas