Galicia desenvolve solucións para o uso de algas como abono orgánico que contribúa á rexeneración ambiental

O proxecto Gestalgar aportou diferentes coñecementos que poden ser aproveitados polos axentes interesados no avance do tratamento das algas de arribazón para a compostaxe

Os socios desta iniciativa desenvolveron un prototipo móbil para lavar este recurso e habilitalo como materia prima para este proceso
 

Vigo, 14 de marzo de 2021

O consorcio do proxecto Xestión integral das algas de arribazón en Galicia. Valorización por compostaxe biolóxica (Gestalgar) fixo balance esta semana dos resultados obtidos nesta iniciativa na que se desenvolveron solucións para o uso das algas como materia prima en procesos de compostaxe biolóxica que dan lugar a abono orgánico para a rexeneración ambiental. Este proxecto aportou diferentes coñecementos que poden ser aproveitados polas confrarías de pescadores, concellos, empresas de compostaxe e polo sector da agricultura para avanzar no tratamento e valorización das algas.

Gestalgar desenvolveu a súa actividade entre setembro de 2018 e decembro de 2020, foi financiado polo Programa Conecta Peme no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 e estivo integrado polas empresas Intacta Gestión Ambiental, Ecocelta Galicia e Demaux Manufacture, xunto co Centro Tecnolóxico do Mar e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

No tempo que durou o proxecto os socios deseñaron e construíron un prototipo móbil de tratamento de algas de arribazón para compostaxe destinado a lavar este recurso e a habilitalo como materia prima para este proceso, ben nos puntos de orixe (praias) ou nos de destino (plantas de compostaxe). Este prototipo foi presentado a representantes de confrarías de pescadores e de concellos en dúas xornadas de demostración realizadas en Mugardos (A Coruña) e Campelo (Pontevedra).

Dentro deste proxecto tamén se realizaron distintos ensaios coas algas para a obtención de distintas tipoloxías de abono orgánico de cara a poder aplicalas na rexeneración de áreas afectadas por incendios, rexeneración de noiros ou tratamento de augas ácidas.

Con todo isto séntanse as bases para a creación dunha cadea de valor desde un punto de vista empresarial, de converter un residuo nun produto de valor con alta demanda e cun mercado potencial a nivel internacional.

Ademais póñense sobre a mesa distintas posibilidades para contribuír de xeito sustentable ao aproveitamento das algas de arribazón que se acumulan nas costas galegas. O seu desenvolvemento e implantación depende dos axentes implicados na cadea.
 

Imaxes relacionadas