A Xunta destina preto de 100.000 € para promover o traballo das editoriais galegas nas feiras do libro de europeas

O Goberno autonómico vén de adxudicar o contrato para a organización dos actos nas feiras previstas os próximos meses en Bolonia, Frankfurt e Madrid

Dáse continuidade ao apoio ao sector do libro que este ano contará cun 12% máis de orzamento e novas partidas para a comercialización
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia promoverá o traballo das editoriais galegas nas feiras do libro europeas con data pechada para este ano. Con este obxectivo, vén de adxudicar o contrato para a organización dos actos nas europeas previstas, para o que destinará preto de 100.000 euros.

En concreto, está prevista a presenza galega nas tres feiras internacionais que teñen data pechada de celebración. Trátase da Feira Internacional da Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, que se celebrará entre o 14 e o 17 de xuño, na que a Comunidade galega participará cun expositor propio no que se amosarán as novidades editoriais galegas e darase a coñecer a obra de autores na que é unha das principais citas anuais do mundo editorial.

A promoción da Xunta estenderase tamén á feira de Frankfurt, unha das feiras profesionais máis importantes do mundo para contido impreso e dixital que terá lugar no mes de outubro, así como na Feira Liber de Madrid programada entre o 13 e o 15 de outubro, onde tamén se contará con expositor propio.

O Goberno autonómico continúa así o seu labor de apoio aos sector do libro, mantendo a súa liña de promoción exterior. A presenza nestas feiras é unha das principais accións para promover as obras galegas nos mercados internacionais cunha programación desenvolvida de acordo coa Asociación Galega de Editores. As feiras internacionais actúan como espazos de promoción, difusión e intercambio das publicacións galegas tanto en España como no exterior.

A Xunta asume a organización e coordinación da promoción conxunta co fin de impulsar a presenza da literatura galega no mercado internacional, mediante o apoio aos creadores e o fomento da innovación na edición, distribución e promoción do libro galego no exterior.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade segue a reforzar o apoio ao sector do libro no marco do Plan de reactivación do sector cultural que está a reforzar o seu orzamento con 23 millóns de euros máis. No caso concreto do libro, a Xunta incrementa este ano o apoio á promoción da lectura e do libro cun 12% máis de investimento e está prevista a inclusión de novas partidas para a promoción e comercialización do libro galego e do libro en librarías.
 

Imaxes relacionadas