O Camiño de Santiago como eixe impulsor da recuperación emocional e económica centrou a primeira sesión do ciclo Xacobeo Peregrinas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron no primeiro encontro da iniciativa, que forma parte da programación do Xacobeo

Lorenzana incidiu no peso específico da muller no Camiño de Santiago e nos obradoiros de emprego ofertados pola Xunta para mellorar a promoción turística das rutas xacobeas e a información ao visitante

A novelista Espido Freire, a investigadora María José Alonso, a cociñeira Lucía Freitas e a atleta olímpica Susana Rodríguez Gacio foron as convidadas desta primeira xornada

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021

A Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela, como meta e fin do Camiño, foi o simbólico emprazamento escollido para dar comezo á primeira das conversas que compoñen o ciclo Xacobeo Peregrinas, impulsado pola Xunta no marco da celebración do Xacobeo.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, responsables dos dous departamentos implicados na posta en marcha deste programa, participaron na apertura deste ciclo. Ambas aproveitaron a ocasión para poñer en valor o peso da muller na sociedade destacando o interese en afondar no fenómeno do Camiño, da vida e da sociedade desde unha perspectiva de xénero.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, amosou o seu convencemento de que as mulleres galegas xogarán “un papel crucial na recuperación” tras a pandemia. Amosou o seu propósito de que “ningunha muller se quede atrás por falta de axudas” e puxo énfase en que o Goberno galego vén reforzando as medidas para garantir “a evolución profesional das mulleres para mellorar a súa inserción laboral e a súa promoción a postos de maior responsabilidade”.

Lorenzana lembrou que precisamente no terreo formativo, a Consellería mantén “un vínculo moi consolidado co Camiño de Santiago” a través de obradoiros de emprego relacionados coa promoción turística e a información ao visitante, “actividades cunha forte presenza feminina”, incidiu. A Xunta destinará este ano 2 millóns de euros ao Plan de Formación para o Camiño, dirixido a persoas traballadoras do sector da hostalería con centros de traballo nos concellos que atravesa a ruta xacobea.

“O peso específico que as mulleres temos no Camiño de Santiago é imparable”, indicou a conselleira. “A peregrinación a Compostela une a mulleres e homes nun mesmo fin; camiñamos xuntos cara unha meta compartida: que todas e todos teñamos idénticas oportunidades e os mesmos dereitos”. Neste sendeiro, a titular de Emprego e Igualdade apuntou como elemental a educación e o desenvolvemento lexislativo. Todo co obxectivo de “rematar” coas desigualdades que aínda persisten, remarcou.

“O Xacobeo e o Camiño están chamados a ser motores do impulso para a recuperación de Galicia tras esta crise sanitaria”, destacou a directora de Turismo de Galicia. “Unha recuperación na que debemos traballar conxuntamente tanto no ámbito económico como no emocional aproveitando a xanela de oportunidades que se abre fronte a nós para proxectar a imaxe que queremos de Galicia fronte ao mundo”.

A novelista Espido Freire, a investigadora experta en nanotecnoloxía María José Alonso, e a Estrella Michelin Lucía Freitas, que aportou a súa destreza nos fogóns para ofrecer un petisco ás asistentes, foron as convidadas desta primeira sesión. Todas elas participaron de xeito presencial, mentres que a médica e paratriatleta olímpica Susana Rodríguez Gacio aportou a súa experiencia de xeito telemático.

Tanto esta primeira xornada como o resto delas serán transmitidas vía streaming a través da canle oficial do Camiño de Santiago.

Dez mesas en dez camiños

Xacobeo Peregrinas nace co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista a través das experiencias e reflexións que ofrecerán as diferentes convidadas.
Cada mesa se celebrará nun Camiño e contará con figuras senlleiras e recoñecidas en moi diferentes ámbitos de coñecemento.

Imaxes relacionadas