A Xunta lamenta a falta de transparencia do Goberno central para informar ás comunidades sobre o comité centífico do lobo

Ante a súa solicitude de documentación sobre os membros e expertos que colaboraron no ditame para a inclusión da especie no Lesrpe, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico alega que nestes momentos non dispón de toda a información solicitada

A Consellería de Medio Ambiente remite a todos os concellos a carta aberta de rexeitamento á proposta, para sumar o apoio do municipalismo e que o Estado desista de elevar o actual nivel de protección desta especie ao norte do río Douro

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021

O Goberno central non facilitou a Galicia información relativa sobre os membros do comité científico nin sobre os expertos consultados para a elaboración do ditame sobre a proposta de inclusión da poboación española do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe), así como sobre o procedemento de elaboración do ditame.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda solicitou por escrito o pasado 1 de marzo o regulamento de funcionamento deste comité científico asesor do Comité de Flora e Fauna Silvestres, así como unha copia da acta e de toda a documentación relativa ás persoas que forman parte do mesmo e daqueles expertos que, no seu caso, foran consultados ao respecto.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en cambio, acaba de responder á devandita solicitude remitindo unha copia do regulamento, pero omitindo dar resposta aos outros aspectos solicitados pola Xunta. Na súa contestación, o organismo estatal alega que carece desta documentación e que nestes momentos non lle resulta posible acceder á mesma, polo que non pode dar acceso á administración autonómica ao seu contido.

A solicitude da Consellería foi realizada ao amparo da Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, polo que sorprende a falta de concreción do Ministerio con relación a un asunto clave para Galicia, unha das catro comunidades máis afectadas polos cambios que se queren promover con relación ao nivel de protección do lobo ibérico.

Neste sentido, cómpre lembrar que na súa comparecencia no Senado do pasado 25 de febreiro, a vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, ofreceu información sobre o comité científico autor do ditame para a inclusión das poboacións do lobo no Lesrpe. Así, salientou o prestixio dos seus membros, “19 persoas sumamente recoñecidas e reputadas en distintos ámbitos da zooloxía, da botánica, da bioloxía”, ademais de referirse ao informe “asinado por máis de 300 académicos e investigadores que secundaban a proposta de protección do lobo”.

Apoio explícito do sector agrogandeiro galego

Por outra banda, a Consellería acaba de remitir ao 313 concellos galegos a carta aberta, subscrita xa por 10 comunidades autónomas e as organizacións agrarias de carácter nacional, para convidalos a que se sumen á súa petición ao Goberno central para que que reflexione sobre as consecuencias de estender o nivel de protección do lobo nesta zona e dea marcha atrás nunha decisión que reduciría o seu marco competencial para a xestión desta especie.

Este envío enmárcase no compromiso adquirido pola conselleira Ángeles Vázquez na súa reunión co presidente da Fegamp do 23 de febreiro, durante a que convidou ao máximo representante do municipalismo galego a participar no proceso de consulta pública aberto polo Ministerio con relación á proposta de inclusión do lobo no Lesrpe e lle trasladou posteriormente a carta aberta para que se sumen á mesma.

Do mesmo xeito, Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León veñen de sumar á súa reivindicación novos apoios, despois de que as principais organizacións profesionais agrarias autonómicas (Asociación Agraria de Galicia, Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias) se adheriran tamén recentemente á carta aberta dirixida ao Ministerio. Igualmente, a Consellería remitiulle este escrito esta semana ás entidades que representan ás principais razas autóctonas galegas, co fin de convidalas a sumarse a unha demanda que terá incidencia directa sobre o sector.

Precisamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou onte a súa participación onte no XI Congreso Nacional Galego de Unións Agrarias para reiterar que, con relación a este asunto, o Goberno central debe escoitar as inquedanzas das comunidades afectadas. “Hai que protexer ao lobo e ao gando, porque se só protexemos a un deles, haberá desequilibrio. Necesitamos poñer sentido común e prudencia”, recalcou, insistindo en que máis do 95% dos lobos viven ao norte do río Douro.

Sen novidades sobre a Conferencia Sectorial

Así mesmo, cómpre lembrar que xa se cumpriron dúas semanas desde que Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León solicitaron formalmente ao Ministerio a celebración dunha reunión extraordinaria da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente para abordar como único punto da orde do día a necesidade de paralizar a inclusión do lobo no Lesrpe.

Segundo o regulamento interno deste organismo, poderá convocarse de xeito extraordinario para tratar asuntos urxentes e que xurdan de forma inesperada -como é o caso da proposta relativa a esta especie- e sempre e cando a petición parta dun mínimo de tres comunidades autónomas. Non obstante, a día de hoxe aínda non se recibiu resposta por parte do Ministerio, motivo polo que onte mesmo os representantes das rexións que asinaron a solicitude aproveitaron o Consello Consultivo de Política Medioambiental para reiterar a súa petición dunha reunión monográfica da Conferencia Sectorial.

Imaxes relacionadas