O conselleiro do Medio Rural reuniuse esta semana en San Caetano co alcalde, Héctor Corujo, para avanzar en ambas iniciativas

A Xunta e o Concello do Incio avanzan no desenvolvemento da aldea modelo de Trascastro e no impulso da riqueza dos soutos tradicionais

Os traballos nos soutos, que se están a inventariar, darán continuidade á aldea modelo e terán un impulso coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e a súa figura das agrupacións de xestión conxunta

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse esta semana en San Caetano co alcalde do Incio, Héctor Corujo, para avanzar no desenvolvemento do proxecto de aldea modelo de Trascastro, situada neste municipio e que foi unha das primeiras en ser aprobadas en Galicia e a primeira de Lugo en pórse en marcha. Esta iniciativa, centrada na produción de vacún de carne autóctono ecolóxico, abrangue un perímetro de 14 hectáreas, distribuídas nun total de 178 parcelas pertencentes a 104 propietarios.

O conselleiro e o rexedor avanzaron tamén na seguinte fase de impulso á produción agroforestal deste concello, que se fundamenta na posta en valor e no aproveitamento dos seus soutos tradicionais. Todo isto, dentro dun plan da Xunta que contempla a recuperación de arredor de mil hectáreas deste tipo de terreos no conxunto da comunidade autónoma.

Segundo explicou o conselleiro, actualmente estase nun primeiro paso, de identificación e inventario dos soutos. Neste sentido, ao longo de Galicia trabállase noutras zonas -ademais de no Incio-, como son a ribeira do Sil tanto na provincia de Lugo como na de Ourense, na contorna do río Loio en Paradela, así como en áreas da montaña luguesa, caso do concello de Folgoso do Courel, onde arrancaron estas intervencións.

O titular de Medio Rural indicou que este plan de recuperación de soutos tradicionais terá un impulso moi importante neste mesmo ano 2021, unha vez que entre en vigor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento. Esta norma -sinalou González- dará carta de natureza legal a figuras como as agrupacións de xestión conxunta da terra, claves para a posta en valor dos soutos.

Imaxes relacionadas