O Fondo Xacobeo 21 actualiza o Cancioneiro Medieval galego da man de Xoán Curiel e do proxecto ‘Treides comigo’

O secretario xeral de Política Lingüística acompañou hoxe ao músico na presentación en Vigo

O disco e o videoclip que compoñen o traballo están dispoñibles desde hoxe no Portal da Lingua Galega

O Museo do Mar de Galicia acollerá o vindeiro 17 de abril o primeiro concerto da xira

Vigo, 12 de marzo de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe ao músico Xoán Curiel na presentación do proxecto Treides comigo, un traballo que pon en valor as cantigas medievais galegas cunha mirada contemporánea, desenvolto ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, e que está dispoñible desde hoxe no Portal da Lingua Galega.

O representante autonómico indicou que se alegraba “de poder ofrecer de xeito gratuíto un material de calidade e feito con mimo, en que as pezas antigas se interpretan cunha música dos nosos días para axudar a que sintamos máis próxima a literatura medieval e divulguemos o que é, sen dúbida, un dos grandes tesouros en lingua galega”. O secretario xeral tamén incidiu “na idoneidade do Museo do Mar de Galicia, que xa acolleu o Pergamiño Vindel na súa volta á casa en 2017, para a presentación dun traballo centrado nos compositores medievais”. Así mesmo, adiantou que Vigo “acollerá o vindeiro 17 de abril, no Museo do Mar de Galicia, o primeiro concerto da xira de presentación do proxecto Treides comigo, a cargo de Xoán Curiel e da súa banda”.

Canda o representante da Xunta de Galicia e canda ao músico, participaron na presentación a directora do Museo do Mar de Vigo, Marta Lucio, e a filóloga e cantante Iris Gey.

Cantigas medievais trobadorescas vencelladas ao Camiño de Santiago

O proxecto do Fondo Xacobeo 21 Treides comigo inclúe dous concertos xa realizados e mais un videoclip e un disco que poden escoitarse no Portal da Lingua Galega. O disco contén nove cantigas medievais do período trobadoresco cuxo texto pertence a creadores galegos vinculados dalgún xeito a lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago: E por ela me matarám, de Fernão Padrom (vencellado á ruta de Mar de Arousa e Río Ullla); O voss’amigo trist’e sem razom, de Fernando Esquío (Camiño Inglés); Se vos em prazer for, de Bernal de Bonaval (Santiago de Compostela); mentir-lh’ei, de Pero Meogo (Camiño Portugués); Mia irmana fremosa, de Martin Codax (Camiño Francés); Amigas, sejo cuidando, de Martim de Padrozelos (Vía da Prata); Dizer-vos quer’eu mia senhor, de Nuno Fernandes de Mirapeixe (Camiño do Norte); Mia senhor fremosa por Deus, de Pero de Veer (Camiño de Inverno), e Elvira Perez, Elvira Padrõa, de João Romeu de Lugo (Camiño Primitivo). O traballo inclúe tamén o tema A furna da Busserana, con texto de Gonzalo López Abente, cuxa temática se relaciona cos trobadores medievais.

Estes poemas foron revisitados polo compositor Xoán Curiel, que os musicou cunha abordaxe contemporánea. Partindo de instrumentos acústicos, o autor elaborou un discurso moi persoal que utiliza ritmos e instrumentos medievais (cromornos, dulcimer, cornos, arpa, frautas, campás, trompetas ou percusións de pel), mais cun carácter pop, moderno e divulgativo, con composicións e instrumentos doutras épocas e xeografías (guitarra española e acústica, duduk armenio ou clarinete).

Imaxes relacionadas