Román Rodríguez pon en valor o papel da Facultade de Belas Artes de Pontevedra na formación de novos talentos durante 30 anos

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o reitor da UVigo visitaron no CGAC a mostra ‘Cultivar Incertezas. Reformular o espazo/Conmocionar a mirada’ que rende homenaxe ás tres décadas de labor académico

Conta coa participación dunha trintena de artistas de diferentes promocións que expoñen as súas obras ata o vindeiro 23 de maio
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Genaro, visitou hoxe a exposición Cultivar Incertezas. Reformular o espazo/Conmocionar a mirada coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) lle rende homenaxe aos 30 anos de historia da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Trátase dunha mostra que se pode visitar ata o vindeiro 23 de maio e que reúne o traballo dunha trintena de artistas procedentes das diferentes promocións desta universidade.

Durante a súa visita, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia puxo en valor o papel que xoga esta facultade na expansión e ensanchamento das fronteiras culturais en Galicia. “Desde os seus inicios, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra é un dos principais focos de ensino e formación artística, un centro único en Galicia que sempre se mantivo á vangarda das correntes culturais e que resultou clave para o desenvolvemento artístico da Comunidade”, salientou Román Rodríguez.

“Están sendo tempos complicados para os profesionais da cultura, pero debemos seguir traballando para, desde a etapa formativa, buscar fórmulas que garantan que a cultura sega mediante novos formatos e ideas”, precisou o titular de Cultura antes de felicitar a todos os creadores e traballadores do sector cultural “polo gran esforzo que fan para adaptarse a esta situación e continuar dando o mellor de si”.

Ademais, aproveitou o acto para felicitar ao equipo do CGAC, que vén de ser recoñecido polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como un dos proxectos culturais máis destacados da Comunidade, recoñecemento que renovan cada ano desde hai tempo.

Creadores de varias xeracións

Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada conta coa participación dunha trintena de artistas das diferentes promocións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra entre os que se inclúen os licenciados nos seus primeiros anos ata os que aínda se atopan finalizando a súa etapa formativa. Como comprobou o conselleiro na súa visita, cada artista está representado por unha obra ou conxunto de obras de especial relevancia dentro da súa traxectoria. Na súa gran maioría, optouse por obras adquiridas por museos, institucións e coleccións privadas “moitas delas da propia Colección CGAG, pechando así o círculo do imprescindible apoio social e institucional á produción artística”, explicou.

Trátase de Erik Balbuena, Vicente Blanco, Teresa Búa, Mónica Cabo, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Marcos Covelo, Victoria Diehl, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Almudena Fernández Fariña, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Amaya González Reyes, Julia Huete, Marta Lorenzo, Rut Massó, Manuel Mata, Nano 4814, Álvaro Negro, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Jorge Perianes, Mar Ramón, Rubén Ramos Balsa, Juan Rivas, Borja Santomé, Sandra Varela, Mar Vicente e Verónica Vicente.

Actividades paralelas

Como expresou o conselleiro, o obxectivo desta mostra é, ademais de renderlle homenaxe ás tres décadas de historia da institución, afondar no estudo e no coñecemento do actual panorama cultural galego. Por iso, xunto á exposición Cultivar incertezas, estase coordinando un intenso programa de actividades estruturado nun ciclo de mesas de debate, seminarios, conferencias e encontros con artistas. Ao mesmo tempo, o espazo Aula Aberta, acondicionado para ese fin nas salas do CGAC, e os espazos docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra están acollendo diversas clases, seminarios e presentacións dos grupos de investigación da propia universidade.

Como explicou Román Rodríguez, esta ampla programación permitirá abordar o impacto que supuxo para a arte en Galicia a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, unha etapa “renovadora” que se viu reforzada nas Bienais de Pontevedra, a Fotobienal de Vigo e mesmo coa creación do CGAC en Santiago.
 

Imaxes relacionadas