A Xunta comeza en Ponte Caldelas o Plan de desbroces e limpeza das faixas de seguridade de núcleos e bens no marco do convenio de protección das aldeas

O delegado territorial, Luis López, supervisa o arranque dos traballos na parroquia de Barbudo, beneficiaria no municipio xunto a Anceu, co alcalde, Andrés Díaz,

A Consellería do Medio Rural, en virtude do convenio coa Fegamp e Seaga, limpará 217 fincas de Ponte Caldelas cunha superficie de 11,51 hectáreas

Esta primeira actuación contempla o desbroce de case 3.000 parcelas de Poio, Soutomaior, Arbo, As Neves, A Cañiza, Fornelos, Mondariz, Mos, Rodeiro, Baiona, Ponteareas, Gondomar e Tomiño
 

Ponte Caldelas, 12 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de comezar co plan de desbroces e limpeza das faixas de seguridade de núcleos residenciais, bens e infraestruturas no marco da convenio de protección das aldeas no Concello de Ponte Caldelas.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde caldelán, Andrés Díaz, supervisou este mediodía o arranque dos traballos na parroquia de Barbudo, que será unha das dúas beneficiarias do municipio nesta primeira actuación xunto coa de Anceu. En conxunto, limparanse 217 parcelas cunha superficie de 11,5 hectáreas en Ponte Caldelas.

Este plan inicial de desbroces enmárcase no convenio de colaboración entre a Xunta, a Fegamp e Seaga para actuar nas faixas secundarias das parroquias priorizadas como de alto risco de lumes naqueles concellos que contan cun Plan Municipal de Defensa contra Incendios Forestais.

Ao abeiro deste acordo de cooperación vanse desbrozar case 3.000 fincas, cunha superficie global de 240 hectáreas, nos municipios de Ponte Caldelas, Poio, Soutomaior, Arbo, As Neves, A Cañiza, Fornelos de Montes, Mondariz, Mos, Rodeiro, Baiona, Ponteareas, Gondomar e Tomiño.

“O obxectivo prioritario da Xunta de Galicia no eido forestal é protexer as vidas, os bens e as casas dos galegos e, por suposto, a nosa riqueza ambiental, coa súa correspondente vertente económica, polo que xa comezamos este mes de marzo, no que se activou o período de risco medio de lumes, cos desbroces en 14 concellos da provincia”, detallou o representante autonómico, que explicou que o obxectivo é anticiparse aos incendios e protexer os núcleos de poboación, as infraestruturas, os equipamentos, as zonas edificadas, os parques e os polígono industriais.

Luis López lembrou que dita competencia é de carácter municipal, xa que deben instar á limpeza por parte dos propietarios ou asumila subsidiariamente coa repercusión de custos, “pero a Xunta é consciente da situación actual, coa superficie reducida dos predios nos montes e os problemas de identificación da titularidade, o que supón unha gran dificultade para os concellos, polo que artellamos este sistema de colaboración, demostrando a nosa gran responsabilidade, para a xestión da biomasa forestal dun xeito áxil naqueles lugares nos que existan circunstancias especiais de perigo e alto risco de lumes”.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural