O conselleiro do Medio Rural reuniuse co alcalde de Entrimo para avanzar na potenciación da súa riqueza forestal

José González explicoulle ao rexedor as posibilidades que abre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para mellorar a xestión dos terreos agrogandeiros e forestais

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021.- O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse esta semana co alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, para coñecer e avaliar as necesidades do agro neste municipio ourensán e avanzar en diferentes liñas de colaboración para impulsar o seu desenvolvemento.

Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, abordouse esta cooperación, no contexto de avanzar en particular cara un impulso da riqueza forestal deste concello do suroeste ourensán.

Neste sentido, o titular de Medio Rural explicoulle ao rexedor municipal as posibilidades que abre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para mellorar a xestión dos terreos agrogandeiros e forestais. Así, esta norma, actualmente en tramitación no Parlamento, contempla figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.

Esta última ferramenta, segundo os responsables da Consellería do Medio Rural, ten un especial interese no eido forestal, xa que permitirá optimizar a xestión do monte, favorecendo unha optimización do seu aproveitamento e a mellora da produtividade das masas. Algo que cobra especial importancia nun concello de clara vocación forestal, como é Entrimo, remarcou o conselleiro.
 

Imaxes relacionadas