O titular do Goberno galego participou este mediodía na clausura do I Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación, organizado por Asime

Feijóo salienta que a industria galega demostra que ten proxectos viables para os fondos europeos, o que permitirá ás pemes ser máis competitivas

A Coruña, 12 de marzo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, hoxe, que os sectores industriais galegos están a demostrar que teñen iniciativas e proxectos viables para aproveitar as oportunidades que supoñen os fondos europeos Next Generation, o que permitirá ás pemes ser máis competitivas.

“E tamén demostra que a colaboración público-privada é a única posibilidade que hai, porque non se pode planificar a economía desde o sector público. O sector público ten que acompañar”, engadiu, facendo fincapé na importancia de que, ademais das empresas tractoras, as pequenas e medianas empresas participen nestes proxectos para gañar competitividade.

Durante o acto de clausura do I Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación, organizado por Asime, Feijóo lembrou que, desde o primeiro momento, a Administración autonómica avogou pola colaboración e o traballo conxunto cos sectores galegos.

Unha aposta reflectida na presentación de proxectos, seguindo dúas liñas de actuación: integrar as iniciativas que poidan acoller a toda a cadea de valor, aproveitando o efecto tractor das grandes empresas e con implicación directa das pemes, para que sexan as grandes beneficiarias; e que moitos destes proxectos se poidan desenvolver a través da colaboración con outras comunidades.

Segundo explicou, este traballo está a dar os seus froitos e se, nun primeiro momento, se identificaron 108 proxectos, hoxe, o 40% xa están presentados ás distintas manifestacións de interese lanzadas polo Goberno central.

Como exemplos, o responsable do Executivo galego referiuse ao Polo para a transformación de Galicia, que busca dar resposta ao actual contexto, desde o punto de vista económico, ambiental e social. Así, esta iniciativa contempla catro proxectos tractores: un centro para o impulso da economía circular; unha planta para a produción de fibras téxtiles a partir de viscosa con capacidade para 150.000-200.000 toneladas anuais; e dúas iniciativas, como a xeración de hidróxeno verde e o desenvolvemento de 1.000MW de nova potencia renovable, que permitirán aos proxectos anteriores poderse autoabastecer.

E, de maneira adicional, o polo abrangue tamén catro iniciativas transversais: a creación de cadeas loxísticas sustentables; un centro de investigación e innovación; a posta en marcha de laboratorios dixitais; e un plan para a recuperación da terra agraria.

“É dicir, estamos a falar da fabricación de 200.000 toneladas de fibra sustentable; o tratamento de 2,6 millóns de toneladas de residuos endóxenos á rexión; a rehabilitación de 18.000 hectáreas de terra abandonada posta en cultivo; 2.000 edificacións rehabilitadas en 200 aldeas; 100 MW da capacidade de xeración de hidróxeno verde; así como 1.000 MW de capacidade eólica e solar”, dixo, recordando que este polo foi presentado á ministra para a Transición Ecolóxica.

Así mesmo, destacou o proxecto Autoáncora, do sector da automoción e que, cun investimento de 1.279 millóns euros, aposta pola competitividade a través da innovación e a dixitalización de toda a cadea de valor; ou o Polo aeroespacial, que, se dispón de fondos europeos, poderá chegar a mobilizar 600 millóns nos próximos cinco anos.

Outras iniciativas singulares en sectores como o biotecnolóxico ou o agroalimentario

Ademais destes proxectos, resaltou outras iniciativas singulares en sectores como o biotecnolóxico ou o agroalimentario, entre os que destacou: o proxecto Zendal, para desenvolver novas plantas produtivas no Porriño, vinculadas á fabricación da vacina da covid-19 e avanzar na vacina da tuberculose; o proxecto de Estrella Galicia para a posta en marcha dun centro produtivo no que implementar ferramentas dixitais e de innovación; e a iniciativa de Anfaco para impulsar a dixitalización, a competitividade e o crecemento sustentable do sector mar-industria.

O presidente da Xunta concluíu incidindo na necesidade dun reparto dos fondos con criterios claros e transparentes; “avogamos por unha concorrencia competitiva obxectiva, antes de que finalice o prazo de presentación”, reiterou, pedindo tamén que a transición enerxética e ambiental non se leve por diante miles de empregos.

“A transición abrupta convértese en ruptura, pero a transición pautada e reflexionada convértese en oportunidade”, dixo, referíndose á incerteza na que, nestes momentos, se atopan 15.000 empregos do sector industrial en Galicia, ante a situación que atravesan plantas como a de Meirama, Endesa-As Pontes, Siemens-Gamesa, Alcoa, Alu-Ibérica ou Ence.

Ao longo da súa intervención, Feijóo expuxo tamén a falta de carga de traballo do sector naval, referíndose á necesaria construción do dique seco do estaleiro de Ferrol -clave para avanzar de cara ao Estaleiro 4.0-, así como dun buque de aprovisionamento. “E tamén necesitamos estabilidade nos estaleiros privados”, recordou.

Imaxes relacionadas