Galicia reivindica ante o Goberno central que teña en conta o criterio das comunidades no deseño e redacción de medidas claves como a futura Lei de cambio climático

A Xunta apela ao seu coñecemento profundo do territorio para rexeitar de novo que o Executivo empregue esta norma para modificar a Lei de Costas con relación ás concesións en dominio público e esixe que elimine estes artigos lesivos

“Moitas das empresas instaladas deixarán de poder estalo nun período moi curto de tempo, o que suporá a perda de 37.000 postos de traballo e ao mesmo tempo de 10.000 millóns de euros, o 3% do PIB galego”, declara a conselleira
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

A Xunta reivindicou esta mañá ante o Goberno central a necesidade de que conte coa opinión e a participación activa das comunidades cando impulse normativas de carácter estatal e cunha incidencia directa en asuntos clave para o exercicio das súas competencias, como é o caso da futura Lei de Cambio Climático. Así o trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención esta mañá no Consello Consultivo de Política Medioambiental para asuntos comunitarios previa ao Consello de Ministros europeos.

A responsable autonómica aproveitou a súa quenda de palabra para defender o “coñecemento profundo” que teñen as comunidades autónomas sobre os seus respectivos territorios e xustificar en base ao mesmo o rexeitamento de Galicia á Lei de Cambio Climático, que se está a tramitar nestes momentos no Congreso.

En concreto, explicou que o artigo 18 nos seus puntos 3 e 4 implica, de facto, unha modificación da Lei de Costas no relativo ás concesións en dominio público marítimo-terrestre e que, coa súa redacción actual, suporía o fin da actividade para moitas empresas asentadas na franxa litoral en todo o país.

“A Lei de Cambio Climático, que modifica a Lei de Costas, supón un cambio transcendental en negativo para Galicia e un retroceso ao dar inseguridade xurídica. Moitas das empresas instaladas deixarán de poder estalo nun período moi curto de tempo, o que suporá a perda duns 37.000 postos de traballo e ao mesmo tempo de 10.000 millóns de euros, o 3% do PIB galego”, declarou a conselleira antes de volver reclamar ao Goberno “que reflexione” e que elimine da norma estes dous apartados tan lesivos para Galicia.

Participación do Executivo galego na normativa europea de cambio climático
Cómpre subliñar que a xuntanza do consello consultivo tiña como primeiro punto da orde do día abordar a Estratexia europea sobre adaptación ao cambio climático. Neste sentido, Ángeles Vázquez aproveitou a súa intervención para trasladarlle ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a vontade da Xunta de participar na elaboración da Estratexia Europea do Cambio Climático e na futura Lei de Cambio Climático da UE.

Ao respecto, a conselleira lembrou o compromiso amosado polo Goberno galego nesta materia e a experiencia adquirida no proceso de elaboración da súa propia folla de ruta para conducir á Comunidade cara a unha transición enerxética xusta e efectiva.

Así, referiuse á aprobación en outubro de 2019 da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) así como do primeiro plan rexional integrado que concreta o seu desenvolvemento ata o ano 2023, que define un total de 170 medidas coas que se mobilizarán 1.250 millóns de euros.

Galicia, como indicou a conselleira, é consciente de que debe ser parte da solución fronte ao cambio climático e por iso aspira a contribuír e poñer os seus coñecementos e experiencia ao servizo de Europa e de todos os Estados membros para avanzar cara ao obxectivo común da neutralidade climática.

Ao igual que Galicia reivindica a súa participación na normativa comunitaria, tamén aspira a colaborar na elaboración das normas de carácter estatal e a ampliar a súa capacidade actual de xestión naqueles aspectos que coñece máis de preto e en profundidade. Neste sentido, a conselleira aproveitou a reunión para lembrar a súa recente demanda ao Estado para que traspase á Xunta as competencias pendentes sobre o dominio público marítimo-terrestre, unha reclamación que este mesmo mércores aprobou por unanimidade a Cámara galega.
 

Imaxes relacionadas