O presidente da Xunta participou na inauguración do XI Congreso Nacional Galego de Unións Agrarias

Feijóo avoga por que o sector da carne e o do viño conten cunha estratexia de dinamización propia para aproveitar o seu potencial de desenvolvemento

Asevera que a Xunta seguirá apostando pola marca Galicia Calidade e apela ao traballo co sector agrogandeiro, para potenciar os produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia

No caso do lobo, di que o Goberno central debe escoitar as inquedanzas das comunidades afectadas: “Hai que protexer ao lobo e ao gando, porque se só protexemos a un deles, haberá desequilibrio. Necesitamos poñer sentido común e prudencia”

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe, na inauguración do XI Congreso Nacional Galego de Unións Agrarias, por que o sector da carne e o do viño teñan a súa propia estratexia de dinamización para aproveitar o seu potencial de desenvolvemento.

Deste xeito, e no tocante ao sector cárnico, destacou que este conta con máis de 61.000 explotacións, 231 empresas e preto de 3.500 traballadores; “e o sector do viño é fundamental para Galicia”, dixo, remarcando que precisa dunha estratexia que incida na calidade, na produción, na transformación, na exportación e no enoturismo.

Durante o acto, Feijóo aseverou, ademais, que a Xunta seguirá apostando por reforzar a marca Galicia Calidade, “porque é fundamental identificar unha marca cun país”, dixo, apelando ao traballo conxunto co sector agrogandeiro, para potenciar os produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación.

Nesta mesma liña, asegurou que a Administración autonómica non podería chegar a distribuír máis de 200 millóns da PAC, sen o compromiso das organizacións profesionais agrarias; “e tampouco poderíamos presentar unha proposta da España Húmida, da agricultura atlántica”, engadiu.

Por outra banda, Feijóo aproveitou o acto para reiterar que, no caso do lobo, o Goberno central debe escoitar as inquedanzas das comunidades afectadas. “Hai que protexer ao lobo e ao gando, porque se só protexemos a un deles, haberá desequilibrio. Necesitamos poñer sentido común e prudencia”, recalcou, insistindo en que máis do 95% dos lobos viven ao norte do río Douro.

O titular do Executivo galego invitou ao sector agrogandeiro a seguir traballando xuntos e garantiu o compromiso da Xunta a seguir velando polos intereses do rural, como proba a posta en marcha durante a pandemia da canle Mercaproximidade, para dar saída aos produtos agroalimentarios locais, ante as dificultades da comercialización tradicional; así como a adopción dunha serie de reformas, que aspiran a ser un punto e aparte no avance do rural galego.

Sobre este punto, referiuse á futura Lei de recuperación da terra agraria, que impulsará figuras como as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta ou os polígonos agroforestais; á posta en marcha do novo Plan forestal de Galicia, que deseña o monte galego do 2040, apostando decididamente polas frondosas; ou á Estratexia de dinamización do sector lácteo, que contempla melloras na transformación do leite, na fabricación de produtos de alto valor engadido, na profesionalización e na remuda xeracional.

O presidente da Xunta concluíu referíndose á situación que atravesa neste momento o sector forestal galego, como consecuencia da decisión do desmantelamento de Ence. “En plena crise económica o primeiro que temos que facer é preservar a economía que temos. Sería bo chegar a un acordo”, dixo, subliñando que as 5.000 familias que viven do sector forestal en Galicia non poden pagar a decisión de pechar unha industria.

Imaxes relacionadas