Conde destaca o esforzo das pemes galegas por facer que a transformación dixital forme parte da súa cultura de empresa

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no obradoiro Oportunidades tecnolóxicas reais para a dixitalización das empresas galegas, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo)

Apunta que o Goberno galego concedeu máis de 23M€ nos seus diferentes programas de axuda para impulsar a dixitalización das pemes galegas, o que permite apoiar case 3700 proxectos e mobilizar preto de 36M€

Un deses programas, a liña de apoios específica para axudar as pemes a incorporar tecnoloxías dixitais ao seu día a día, duplicou tanto o seu orzamento, ata os 4M€, como os proxectos apoiados, 224, cunha mobilización que acada os 9,5M€

Subliña que as empresas que fagan a súa propia transformación dixital e aposten pola sustentabilidade terán máis posibilidades de saír fortalecidas desta crise

A Xunta defende que as pemes teñen que resultar as grandes beneficiadas dos fondos Next Generation polo efecto arrastre dos grandes proxectos que se desenvolvan nos sectores estratéxicos de Galicia

Santiago de Compostela, 12 marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o esforzo que están a facer as pemes galegas, co apoio da Xunta, para que a transformación dixital forme parte da súa cultura de empresa. Así o manifestou durante a súa intervención no obradoiro Oportunidades tecnolóxicas reais para a dixitalización das empresas galegas, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo).

Conde apuntou que o Goberno galego concedeu máis de 23 millóns de euros nos seus diferentes programas de axuda para impulsar a dixitalización das pemes galegas, o que permite apoiar case 3700 proxectos e mobilizar preto de 36 millóns de euros. Un investimento público-privado ao que hai que sumar os 98 millóns de euros investidos polo sector industrial en iniciativas relacionadas coa Industria 4.0.

Un deses programas, a liña de apoios específica para axudar as pemes a incorporar tecnoloxías dixitais ao seu día a día, duplicou tanto o seu orzamento, ata os 4 millóns de euros, como os proxectos apoiados, 224. Cunha mobilización que acada os 9,5 millóns de euros, estes proxectos proveñen en boa parte do sector do comercio, un 36,2 por cento, e son iniciativas orientadas á adquisición de equipamentos e software. Outros sectores beneficiados son a industria, o ámbito dos servizos profesionais, a construción ou a hostalería.

O vicepresidente económico subliñou que as empresas que fagan a súa propia transformación dixital e aposten pola sustentabilidade terán máis posibilidades de saír fortalecidas desta crise. Nese sentido, lembrou que á necesidade de dixitalizarse que teñen agora as pemes, chégalle a oportunidade que brindan os fondos europeos Next Generation, que han de ser a panca que impulse esa transformación dixital e ecolóxica do noso modelo produtivo. Nese fondos, engadiu, as pemes teñen que resultar as grandes beneficiadas polo efecto arrastre dos grandes proxectos que se desenvolvan nos sectores estratéxicos de Galicia.

Conde sinalou que o éxito desa dobre transformación para as pemes está en seguir tres liñas estratéxicas. En primeiro lugar, que tecnoloxía e sustentabilidade non sexan prioridades separadas. En segundo lugar, en potenciar modelos comerciais baseados na sustentabilidade e posibilitados pola tecnoloxía. E, en terceiro lugar, en potenciar e cultivar o talento dos seus empregados destinando recursos á formación.

O vicepresidente económico concluíu asegurando que a Xunta comparte co tecido empresarial galego a necesidade urxente que supón a dixitalización e que vai estar ao seu lado para axudar as empresas neste camiño.

Imaxes relacionadas