A Xunta activa 7,4 M€ en axudas a entidades locais para previr e tratar a violencia de xénero e promover a igualdade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dos apoios que permitirán aos municipios, de xeito individual ou en xestión conxunta, desenvolver, entre outras, propostas para a conciliación e a corresponsabilidade entre mulleres e homes

A Xunta destinará case 5 millóns de euros en 2021 e 2022 para apoiar o funcionamento dos 83 Centros de Información a Muller (CIM) da Comunidade

O Goberno apoiará medidas de prevención e mellora das condicións das vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual e doutras mulleres en situación de vulnerabilidade

A Administración autonómica investiu nas entidades locais preto de 30 millóns entre 2015 e 2020 para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, o que permitiu apoiar a preto de 55.000 mulleres e 17.500 familias

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (concellos, consorcios, mancomunidades, agrupacións ou asociacións de concellos) para o desenvolvemento de programas dirixidos a promover a igualdade e previr e tratar a violencia de xénero.

A Xunta inviste un total de 7,4 millóns de euros a este fin, o que supón un incremento do 15,51% respecto do orzamento destinado o ano pasado. Con estes cartos facilitarase a implantación de programas e medidas de igualdade no ámbito local en Galicia, co obxecto de favorecer as mesmas oportunidades a mulleres e homes e de contribuír a erradicar da violencia de xénero.

Ao abeiro desta convocatoria, O Goberno galego financia actuacións de catro programas: (1) fomento da conciliación; (2) promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; (3) apoio aos Centros de Información á Muller (CIM); e (4) o programa de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.

O primeiro dos programas, para o fomento da conciliación, está dotado con 1,4 millóns de euros. A Xunta apoia por medio do mesmo iniciativas locais (por exemplo campamentos de verán ou de períodos non lectivos e programas de madrugadores) que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares con contías que van dos 15.000 euros para os concellos que se presenten de xeito individual aos 28.000 para peticións de xestión compartida.

A segunda liña, con medio millón de euros de orzamento, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero. Coa mesma a Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes s e doutras mulleres en situación de vulnerabilidade. Estes apoios inclúen medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución. As contías neste caso van dos 12.000 aos 25.000 euros para entidades soas ou en conxunto, respectivamente.

A terceira liña ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente por 83 centros que dan cobertura a 182 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 4,9 millóns de euros (3,3 millóns en 2021 e 1,6 para 2022). Cada entidade pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso das solicitudes de xestión compartida.

A cuarta liña céntrase na posta en marcha de medidas de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Na convocatoria deste ano destinarase 500.000 euros, con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero; neste caso, con apoios de 6.000 a 8.000 euros.

A Xunta leva investidos nestes programas cos que apoia o labor das entidades locais de Galicia para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero preto de 30 millóns de euros entre 2015 e 2020, o que permitiu axudar a preto de 55.000 mulleres e 17.500 familias.

Imaxes relacionadas