Fernández-Tapias comparte unha xornada didáctica sobre as Illas Atlánticas co alumnado do Fleming e anuncia unha viaxe ás Cíes

A delegada territorial da Xunta en Vigo cifra en preto dun millar os escolares da cidade que ata o de agora participaron no programa educativo do Parque Nacional

Por mor da pandemia substituíronse as visitas que os colexios realizaban ao Centro de Visitantes no casco vello por actividades que os guías fan nas aulas

Vigo, 11 de marzo de 2021

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tivo a oportunidade hoxe de compartir co alumnado do colexio Doutor Fleming de Vigo unha das xornadas didácticas que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas está a realizar en varios centros escolares da cidade no marco do programa “Coñecendo o Parque Nacional”.

Un programa cuxo obxectivo, tal e como explicou a representante autonómica, é o de divulgar os valores naturais deste espazo e concienciar aos estudantes desde 2º de Primaria ata Bacharelato da importancia da protección e preservación do único parque nacional que temos en Galicia.

Fernández-Tapias, quen acudiu o centro acompañada polo director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández-Bouzas, informou que no que se leva de curso atendeuse a un total de 26 aulas, o que suma preto dun millar de escolares solo na cidade de Vigo.

Unha actividade divulgativa que, segundo anunciou a delegada, rematará cun viaxe as Illas Cíes no mes de maio o xuño e sempre e cando, apostilou, a situación de crise sanitaria o permita. A este respecto, explicou que por mor da pandemia substituíronse as visitas que os colexios realizaban ao Centro de Visitantes no casco vello por actividades que os guías fan nas aulas, desprazándonos os técnicos en vez do alumnado.

Esta iniciativa está dirixida aos centros escolares dos concellos do entorno das illas e abrangue os niveis de educación infantil, primaria e secundaria. Adaptados a cada nivel o programa inclúe “Martiño, o corvo mariño” para nenos de Infantil e 1º, “As illas peza a peza” para alumnos de 2º e 3º de Primaria, e “Rumbo as illas” para os niveis de 4º 5º 6º, mentres que “Por que é tan rico o noso mar?” está enfocado ao alumnado da ESO e Bacharelato.

Imaxes relacionadas